A Xunta interésase no Comité Español de Xeoparques pola candidatura de Cabo Ortegal ante a Unesco

Do Campo subliña que a excepcional riqueza xeolóxica deste territorio supón o seu principal aval e lembra que foi a proposta escollida en 2021 con maior puntuación

Observadores internacionais visitaron a semana pasada o Xeoparque Mundial Montañas do Courel, coincidindo coa súa primeira reválida tras a declaración de 2019
 

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta acaba de interesarse ante o Comité Nacional Español de Xeoparques (CNEX) polo estado actual da candidatura de Cabo Ortegal ante a Unesco logo de que a finais do ano pasado fora escollido como un dos territorios que aspiran a obter esta figura de protección de carácter internacional.

 

Así o expuxo a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen interveu en nome e representación de Galicia durante a última reunión do comité, celebrada de forma telemática hai uns días.

 

Neste sentido, a directora aproveitou a súa quenda de palabra para preguntar polos últimos pasos dados ao respecto, subliñando o apoio expreso da Xunta a este proxecto desde o momento en que a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal decidiu impulsar hai uns anos a súa candidatura.

 

De feito, subliñou que a excepcional riqueza xeolóxica deste espazo supón o principal aval do proxecto, lembrando que das dúas candidaturas españolas que foron escollidas como finalistas o ano pasado —a outra foi a de Costa Quebrada, en Cantabria—, a de Cabo Ortegal obtivo a maior puntuación tras superar un duro proceso selectivo.

 

Cómpre lembrar que a zona incluída na proposta do Xeoparque do Cabo Ortegal conta cunha superficie de case 630 km2 e unha gran riqueza e variedade xeolóxicas. Obter este recoñecemento por parte da Unesco daríalle un pulo definitivo a estes valores, abrindo novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural, turística e económica da súa área de influencia, que abrangue 7 municipios e suma máis de 28.000 habitantes.

 

Ademais, a declaración como Xeoparque Mundial engadiríase ao resto de distintivos de protección cos que xa conta: catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dúas áreas de protección Ramsar e dous humedais protexidos.

 

Tras considerar que se trata dunha candidatura “gañadora” e “moi sólida”, Belén do Campo amosouse convencida de que Cabo Ortegal se converterá no segundo Xeoparque Mundial da Comunidade, despois de que en abril de 2019 fose proclamado o primeiro: o das Montañas do Courel.

 

Por iso, comprometeuse a seguir avalando a candidatura coruñesa ata que se coñeza a decisión final da Unesco. Con este fin, precisamente, acaba de remitir un escrito ao CNET para que concrete en que punto se atopa a tramitación e a previsión temporal que se manexa desde a Unesco para enviar avaliadores independentes a visitar esta zona co obxectivo de analizar o grao de cumprimento dos criterios fixados para formar parte de rede mundial de xeoparques, o que sustentará a decisión final do Consello Executivo da Unesco, que previsiblemente se coñecerá na primavera de 2023.

 
Reválida para Montañas do Courel

Cómpre subliñar que o Xeoparque Mundial Montañas do Courel recibiu a semana pasada a visita de dous avaliadores independentes asignados pola Unesco para comprobar sobre o terreo os traballos realizados nos últimos tres anos polo grupo de desenvolvemento local Ribeira Sacra-Courel para a posta en valor desta zona.

 

Esta visita, que se desenvolveu entre o martes 28 de xuño e o sábado 2 de xullo, enmárcase no proceso de reválida que deben pasar todos os xeoparques durante o cuarto ano da súa declaración. Así, os dous avaliadores designados para estudar o traballo feito desde 2019 nas Montañas do Courel deberán elaborar agora un informe que se presentará ante o Consello de Xeoparques previsto en Italia o vindeiro setembro.

 

En todo caso, será o Consello da Unesco, previsto para a primavera de 2023, o que decidirá se o Xeoparque Montañas do Courel supera o seu primeiro exame e deberá pronunciarse tamén sobre as novas candidaturas propostas.

 

Neste sentido, a directora xeral de Patrimonio Natural expresou o seu desexo de que o vindeiro ano Galicia poida contar con dous xeoparques, “un de montaña e outro de mar”, o que lles brindará a oportunidade de “traballar en rede” e impulsar proxectos conxuntos entre ambos territorios.

 

Do mesmo xeito, Belén do Campo salientou a liña de colaboración continua e permanente que mantén o seu departamento cos xestores do Xeoparque Montañas do Courel, o mesmo tipo de relación que agarda poder manter no caso de que a candidatura de Cabo Ortegal prospere.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022