Lorenzana avoga por un mercado laboral “aberto, accesible e sen fronteiras” e apela á colaboración público-privada para avanzar na creación de emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Matosinhos na presentación do Plan de Actividades 2022-2023 do espazo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal

Puxo en valor o traballo desta rede con 25 anos de traxectoria para construír un mercado laboral coordinado que favoreza a inserción laboral entre Galicia e Portugal cunha atención personalizada nas oficinas de emprego

Sinala que o fomento do emprendemento, a formación e recualificación dos traballadores e a mellora da conexión entre a oferta e a demanda son eixos principais nas políticas activas de emprego da Xunta

A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego e á estratexia global do Goberno autonómico para dar resposta ás necesidades do mercado de traballo
 

Matosinhos (Portugal), 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe na localidade portuguesa de Matosinhos por un mercado laboral “aberto, accesible e sen fronteiras” na presentación do Plan de Actividades 2022-2023 do espazo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Puxo en valor, neste senso, o traballo que esta rede desenvolve desde hai 25 anos para acadar este fin, construíndo un mercado laboral entre Galicia e o Norte de Portugal que ofreza servizos e accións encamiñadas a favorecer a inserción laboral entre as dúas rexións cunha atención personalizada nas oficinas de emprego.

 

En palabras da conselleira, é clave, neste ámbito, a coordinación de ambas rexións e a colaboración público-privada para seguir avanzando na creación de emprego. De feito, a rede Eures é un proxecto no que a Xunta e o Instituto do Emprego e Formación Profesional de Portugal traballan en colaboración cos axentes económicos e sociais, así como as universidades de ambos países. Para Lorenzana é fundamental en materia laboral o fomento do emprendemento baseado nas oportunidades que facilita o territorio; a formación e recualificación profesional dos traballadores en base ás necesidades que van xurdindo nunha contorna; e a mellora da conexión entre a oferta e a demanda de emprego. Son tres piares principais das políticas activas de emprego que está a desenvolver a Xunta de Galicia para dar resposta ás necesidades do tecido produtivo.

 

Neste marco, e para atender a man de obra que precisan as empresas, o Goberno galego ten en marcha a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, unha estratexia global e “un gran pacto pola formación para o emprego”, tal e como a definiu a conselleira. “Apostamos por unha formación actualizada a medida que cambian as necesidades do mercado laboral”, engadiu.

 
 
 
 
 
 
 

A través da Axenda, deseñáronse nove grupos de traballo arredor de nove eixos estratéxicos nos que se traballa de xeito conxunto cos principais interlocutores do tecido empresarial para analizar a oferta formativa existente, detectar o seu grado de cobertura e crear aqueles novos módulos o contidos que sexan precisos.

 

En concreto, os sectores nos que se traballa son a construción, a automoción, a aeronáutica, a blue economy, a green economy, a economía social, a loxística, a economía dixital, a silver economy e o turismo, a hostalería e o comercio.

 

A través desta estratexia global tamén se está a levar a cabo unha renovación integral do Servizo Público de Emprego coa implantación dunha ferramenta tecnolóxica que utiliza big data e intelixencia artificial para optimizar o proceso de conexión entre perfís demandantes de emprego e a oferta existente; o desenvolvemento dun plan de formación permanente para o persoal técnico traballador nas oficinas de emprego; e a formalización de protocolos de colaboración cos principais axentes empresariais de Galicia para intercambiar de xeito constante información sobre as necesidades formativas e as vacantes de emprego no seo das súas organizacións, entre outras.

 

“Esta unión de forzas, a colaboración público-privada mellorará os datos de ocupación en Galicia nun mercado laboral en continua evolución”, apuntou Lorenzana, quen rematou destacando que esta cooperación ten que seguir dándose para mellorar de xeito progresivo o labor conxunto que se leva a cabo entre as rexións transfronteirizas de Galicia e o Norte de Portugal. “É importante que as persoas traballadoras se beneficien das mesmas oportunidades, con independencia da súa procedencia ou nacionalidade”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022