A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta executará este verán os traballos de conservación fluvial no treito do río Tambre en Ponte Boado, cun investimento de 14.000 €

A intervención enmárcase nos traballos previstos este ano no río Tambre, nos que Augas de Galicia leva xa investidos 35.000 €, quedando pendentes intervencións valoradas en máis de 44.000 €

A actuación en Ponte Boado iniciarase este mes, unha vez se rematen os labores de conservación nas catro áreas con risco potencial significativo de inundación do Tambre

A Xunta leva destinado entre o pasado ano e ata xuño deste ano máis de 2,7 M€ a actuacións de limpeza e conservación fluvial, que considera prioritarias
 

Santiago de Compostela 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, avanzou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia que a Xunta executará este verán os traballo de conservación fluvial no treito do río Tambre na zona de Ponte Boado, entre os concellos de Boimorto e de Mesía, traballos que suporán un investimento autonómico de 14.000 euros.

Teresa Gutiérrez sinalou que esta intervención forma parte dos traballos previstos este ano no río Tambre, nos que Augas de Galicia leva investido preto de 35.000 euros, quedando pendentes actuacións de conservación valoradas en máis de 44.000 euros.

Respecto á situación concreta da zona de Ponte Boado, indicou que Augas de Galicia actuará neste mes de xullo, unha vez se rematen os labores de conservación das catro áreas con risco potencial significativo de inundación do río Tambre.

Teresa Gutiérrez explicou que Augas de Galicia elabora unha planificación anual daquelas actuacións de conservación fluvial que son prioritarias,  por estar encamiñadas a facilitar o libre discorrer das augas, así como a conseguir as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos, que favorezan os aspectos ambientais no entorno fluvial.

A directora de Augas de Galicia puxo en valor o traballo da Xunta en conservación fluvial, actuacións ás que, entre o pasado ano e ata xuño deste ano, leva destinado máis de 2,7 M€.

Data de actualización: 06/07/2022