Os voluntarios do programa ‘Xacobeando’ da Xunta chegan a Lalín para desenvolver tarefas de promoción e coidado da Vía da Prata

Trátase dun grupo de seis mozos procedentes Lituania, Grecia, Estonia, Eslova-quia, Portugal e de Madrid

Durante os meses de xullo e agosto realizarán distintas actividades de difusión e dinamización do Camiño de Santiago

En total, esta iniciativa contará con 80 voluntarios ata outubro repartidos polas distintas rutas
 

Lalín (Pontevedra), 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, recibiu esta mañá a un dos grupos de voluntarios do programa XacobeAndo posto en marcha pola Xunta de Galicia. Seis mozos procedentes de varias partes de Europa desenvolverán accións na Vía da Prata para promover e mellorar esta ruta co Camiño de Santiago.

 

Concretamente, os mozos deste grupo proceden de Lituania, Grecia, Estonia, Eslovaquia, Portugal e tamén de España, neste caso de Madrid. Desenvolverán accións arredor de varios eixos: camiño inclusivo, para o acompañamento de persoas con necesidades especiais; camiño sostible, para a concienciación ambiental; camiño dixital, para a creación de recursos sobre a experiencia no Camiño; camiño seguro, con accións de información e concienciación; e camiño acolledor, para a colaboración na acollida de peregrinos.

 

Os voluntarios chegaron a Lalín tras recibir a formación necesaria para o seu traballo. Durante a recepción, Cristina Pichel destacou o valor do Camiño de Santiago e a importancia de fomentar desde o voluntariado o seu coidado e a súa difusión. Así, recordou que, ademais de Xacobeando, o Goberno galego pon en marcha diferentes iniciativas que a través do voluntariado serven para impulsar, mellorar e desfrutar do Camiño.

 

Sobre o programa

O programa Xacobeando trae ás diferentes rutas do Camiño de Santiago ata o vindeiro mes de outubro un total de 80 voluntarios. Proceden de España e, especialmente, de varios lugares de Europa, posto que o programa se enmarca no Corpo europeo de solidariedade. Actuarán en distintos grupos por camiños como o Francés, o do Mar de Arousa e Río Ulla, o da Vía da Prata, o Portugués ou o Inglés.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022