O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acudiu esta mañá en Ferrol a unha actividade dentro do programa Equiocio Inclusivo

A Xunta pon en valor as terapias ecuestres para mellorar a calidade de vida das persoas con autismo

Na xornada de hoxe participaron persoas usuarias de Aspanaes

Ferrol, 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá o Centro Ecuestre La Finca de Ferrol para coñecer o programa Equiocio Inclusivo, que nesta xornada contou coa participación de persoas usuarias de Aspanaes. Esta iniciativa, que se iniciou o pasado 28 de xuño, continuará durante o resto deste mes de xullo coa asistencia de distintas entidades sociais da zona.

 

A través deste programa, os participantes aprenden sobre coidados do cabalo, desfrutan con eles dun paseo polo campo e percorren un circuíto adaptado. Todas estas actividades contan coa supervisión de persoal especializado e de apoio para garantir a participación en igualdade de todas as persoas.

 

Durante a súa visita, Fernando González Abeijón subliñou a importancia que ten este programa para os participantes, tanto desde un punto de vista do ocio e do lecer como a nivel terapéutico. Neste sentido, valorou moi positivamente a liña de actividades dirixida a persoas con discapacidade que está a desenvolver Equiocio, organización coa que colabora a Xunta de Galicia con 30.000€ este ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022