A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o comedor social do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso

A Xunta reforza o apoio ás entidades sociais de Galicia para impulsar medidas destinadas ás persoas que peor o están a pasar

O Goberno galego aprobará nos vindeiros días unha nova orde de axudas a entida-des sociais por un valor de 7,2 millóns de euros para financiar programas e iniciati-vas destinados ás persoas en risco de exclusión

Esta entidade recibiu 600.000 euros para o funcionamento do seu comedor social e das aulas de formación e inserción ao emprego, entre outras cousas, a través da última orde de entidades e da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

Destaca que Galicia segue a axudar aos fogares máis vulnerables por medio da Risga, das Axudas de Inclusión Social ou do Bono Social Térmico, ao que este ano se sumou un complemento autonómico de 100 euros

Sarreaus (Ourense), 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta está a reforzar o apoio ás entidades sociais de Galicia para impulsar medidas destinadas ás persoas que peor o están a pasar. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o comedor social xestionado polo Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso, en Sarreaus, onde lembrou que nos vindeiros días o Goberno galego aprobará unha nova orde de axudas a entidades por valor de 7,2 millóns de euros.

A conselleira sinalou que esta orde permitirá seguir confiando no tecido social para impulsar medidas e programas que axuden ás persoas en risco de exclusión. Entre as novidades que incorpora esta nova orde atópase un incremento das contías destinadas a comedores sociais, albergues e centros de acollida ou para dar cobertura aos centros de reparto de alimentos, entre outros.

Deste xeito, preténdese impulsar o apoio ás entidades que se encargan de cubrir as necesidades básicas dos colectivos máis vulnerables. A conselleira  destacou que a Xunta destinou 600.000 euros ao CDR O Viso para o mantemento e funcionamento diario do seu comedor social e das aulas de formación e inserción ao emprego, a través das ordes de axudas a entidades e da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF. Por último, tamén se axuda a financiar a casa niño que teñen en funcionamento así como a súa vivenda comunitaria.

Así mesmo, lembrou que o Goberno galego segue atendendo á situación dos fogares máis vulnerables a través da Risga, que na actualidade beneficia a 6.700 persoas en Galicia; as Axudas de Inclusión Social, que no último ano axudaron a máis de 3.000 persoas a asumir gastos de alimentación, de vivenda ou de farmacia e outras necesidades e para o que se destinaron 3,7 millóns de euros; ou a través do Bono Social Térmico, que facilita que máis de 66.400 familias fagan fronte ás súas facturas e ás que este ano se sumou un complemento autonómico de 100 euros.

Inserción ao emprego

Fabiola García afirmou que o Goberno galego procura estar á altura da solidariedade que caracteriza ao pobo galego ofrecendo axudas e iniciativas que atendan ás dificultades puntuais pero, sobre todo, que lles axuden a recuperar a súa autonomía. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de que todas estas axudas estean ligadas a unha reinserción que favoreza o seu acceso ao emprego e destacou o importante papel que desempeñan nesta labor as entidades sociais de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022