Miguel Corgos apela ao consenso parlamentario para impulsar un Plan estratéxico 2022-2030 “de todos e para todos”, reflexo dos retos e necesidades dos galegos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu no Parlamento para presentar o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030

Salientou que esta folla de ruta, froito do traballo de case tres anos en conxunto cos maiores expertos dos diferentes sectores e coa implicación da sociedade civil, ten que ser agora enriquecida coas achegas dos diferentes grupos parlamentarios

Precisou que o plan conta con 5 eixes transversais: o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza

O Plan conta ademais, con 10 metas prioritarias entre a que destaca a de acadar de aquí ao ano 2030 a práctica converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible e superar o 90% do PIB per cápita da Unión Europea

Resaltou que o PEG 2022-2030 contará cun seguimento regular da súa execución co fin de comprobar se se están desenvolvendo as liñas de acción previstas e cumprindo os obxectivos
 

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, apelou hoxe ao consenso parlamentario para impulsar un Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 “de todos e para todos”, reflexo das necesidades e dos retos do conxunto dos galegos.

 

Durante a súa comparecencia no Parlamento, onde presentou polo miúdo o documento, Miguel Corgos salientou que esta folla de ruta, froito do traballo de case tres anos en conxunto cos maiores expertos dos diferentes sectores e coa implicación da sociedade civil, ten que ser agora enriquecida coas achegas dos diferentes grupos parlamentarios. Neste sentido, sinalou que a vontade de consenso da Xunta é a mesma que a mostrada co Plan Estratéxico 2015-2020, cando o Parlamento galego aprobou 72 resolucións dos diferentes grupos e que o Goberno galego incluíu no texto anterior.

 

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública concretou a estrutura do plan, que conta con 5 eixes transversais –o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza-; ademais de 21 prioridades de actuación e 70 obxectivos estratéxicos.

 

10 grandes metas para esta década

O conselleiro expuxo ademais as 10 grandes metas do documento para a presente década, entre as que destacou a de acadar de aquí ao ano 2030 a práctica converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible e superar o 90% do PIB per cápita da Unión Europea.

 

En materia de emprego, remarcou os obxectivos de aumentar un 10% a taxa de ocupación; rebaixar a taxa da paro ata o 8%; reducir á metade o desemprego xuvenil e diminuír en 6 puntos a temporalidade no emprego.

 

Para reforzar a saúde e a calidade de vida, sinalou como outra das prioridades, aumentar de 18 a 23 os anos de vida saudable cando un galego ou unha galega chega aos 65. E no eido educativo estableceu como reto a consolidación do sistema galego como un dos mellores de España, reducindo noutros cinco puntos –ata o 6,5%,- a taxa de abandono escolar temperá; ademais de mellorar o rendemento educativo do alumnado medido por PISA e de que a poboación de 25 a 64 anos con estudos superiores chegue ao 45%.

 

Tamén sinalou que a Galicia de 2030 ten que avanzar de maneira decidida cara á neutralidade climática, e salientou o obxectivo de reducir as emisións de efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990; aumentar o peso das enerxías renovables ata acadar o 58% no consumo total, o que significa superar en 13 puntos o recente plan repower EU, e que en 2030 o 85% da enerxía eléctrica proceda de fontes renovables.

 

Potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade é, segundo o conselleiro, outra meta irrenunciable. Para o cal, entre os obxectivos fixados atópanse o de incrementar as exportacións, aumentando a base de empresas exportadoras, ata o 45% do PIB -10 puntos máis que na actualidade-; e ampliar o tamaño medio das pemes nun 15%.

 

Outra meta indispensable pasa por favorecer unha Galicia cada vez máis dixital e máis innovadora, para o que o PEG 2022-2030 establece duplicar o gasto en I+D, ata aproximalo ao 2% do PIB. Sobre este punto, o conselleiro recordou que o Goberno galego está destinando cada vez máis recursos a esta materia, pois xa representan o 1,9% do orzamento, o dobre que no ano 2009.

 

Ademais, o Plan busca continuar reducindo o risco de exclusión social e diminuír noutras 150.000 o número de persoas en risco de pobreza e exclusión social; e a eliminación das fendas de xénero, cunha equiparación das taxas de ocupación feminina e masculina.

 

Miguel Corgos tamén afirmou que co Plan Estratéxico 2022-2030, Galicia quere seguir na senda de sustentabilidade financeira, o que permitiría acadar no ano 2030 os obxectivos fixados na Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira sen realizar axustes. O compromiso da Xunta é reducir nunha década en máis de 6 puntos a ratio débeda/PIB e rebaixala na contorna do 13%.

 

Seguimento do Plan Estratéxico 2022-2030

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que o PEG 2022-2030 contará cun seguimento regular da súa execución co fin de comprobar se se están desenvolvendo as liñas de acción previstas e cumprindo os obxectivos.

 

Neste sentido, o Plan define un seguimento continuo da súa execución, encaixado no ciclo do orzamento anual, a través dos respectivos indicadores.

 

Este seguimento concretarase nun informe anual de seguimento e avaliación, que se presentará no segundo semestre de cada ano e que servirá de base para a análise dos obxectivos dos programas de gasto e para a asignación dos recursos orzamentarios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/07/2022