O presidente da Xunta asistiu á toma de posesión de Rosario Álvarez como presidenta do Consello da Cultura Galega

Rueda recoñece o labor do Consello da Cultura Galega no impulso e protección da cultura propia e chama a afrontar desde a cooperación os seus retos no futuro

Incide na cultura como elemento de unión dentro da Comunidade galega

Afirma que a vocación das institucións é velar por ensanchar a personalidade dunha Galicia libre e próspera
 

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, asistiu á toma de posesión de Rosario Álvarez como presidenta do Consello da Cultura Galega, onde recoñeceu o seu labor no impulso e protección da cultura propia e chamou a afrontar desde a cooperación os seus retos no futuro.

 

Durante a súa intervención, defendeu o papel da cultura como elemento unificador dentro da nosa Comunidade galega. Así mesmo, engadiu que as institucións galegas naceron coa vocación de ensanchar a personalidade dunha Galicia libre e próspera.

 

O titular da Administración autonómica salientou que, logo de superar os momentos máis virulentos que a pandemia supuxo para a cultura, cómpre enfrontarse a futuros retos, que demandan cooperación e suma de forzas entre a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega. Entre estes desafíos, atópanse crear unha cultura de base, potenciar as industrias creativas, coidar do patrimonio material e inmaterial e impulsar a lingua como elemento de cohesión e orgullo.

 

Sobre esta liña, afirmou que estas son as bases compartidas para seguir traballando na reactivación e fortalecemento da cultura, que se ven impulsadas polo acontecemento extraordinario do dobre Ano Santo. A maiores, Rueda destacou o labor do camiño institucional, que situará a Goberno e Consello “a carón no traballo constante a prol da identidade e da cultura galegas”.

 

O presidente do Goberno galego fixo fincapé na importancia de que a cultura aproveite todas as oportunidades que ten á súa disposición. Nos obxectivos propostos para o futuro coincidiu con Rosario Álvarez, presidenta deste novo mandato: a internacionalización, dixitalización, busca de novos públicos e de consolidación do Consello.

 

Rueda recalcou a confianza depositada na captación de fondos europeos, nos que a Xunta está a desenvolver actuacións por máis de 19 millóns de euros. Ademais, elaboráronse 19 propostas por valor de case 400 millóns de euros para amosar que Galicia está preparada e aspira a solicitar un PERTE cultural. Para finalizar, recoñeceu a figura de Rosario Álvarez como “unha guía capaz e unha servidora sempre disposta a fortalecer a Galicia cultural”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/07/2022