A Xunta anuncia que particulares e concellos poderán optar a partir do 20 de xullo a 11,5 M€ grazas ás axudas para rehabilitación enerxética do programa de Barrio

Ángeles Vázquez subliña que os municipios galegos con áreas de rehabilitación integral ou áreas Rexurbe xa declaradas poderán acollerse tamén a esta liña de incentivos grazas á insistencia e ás xestións realizadas polo Goberno autonómico

Lembra que este novo programa virá sumarse ao de nivel de edificio, con convocatoria aberta ata o 30 de novembro e dirixido neste caso a subvencionar actuacións para mellorar a eficiencia tanto de vivendas oficiais como de segundas residencias

Esta semana convocarase tamén o bono de alugueiro social, unha prestación coa que a Xunta asumirá o 100% do custo do arrendamento de persoas e familias vulnerables
 

Compartir
  • whatsapp

Cervo (Lugo), 12 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia convocará a próxima semana as axudas do novo programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 millóns de euros e co que se financiarán actuacións de rehabilitación enerxética sobre edificios e vivendas de uso residencial localizados dentro de ámbitos municipais concretos e previamente delimitados.

 

Dirixido a particulares e a entidades locais, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que estes incentivos se publicarán no DOG o vindeiro martes, polo que a partir do día seguinte, 20 de xullo, xa se poderán solicitar.

 

Así o avanzou a responsable autonómica esta mañá en Cervo no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar que organiza o seu departamento e cos que percorre desde o pasado mes de febreiro diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

 

Acompañada polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e ao redor de medio cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 15 concellos que conforman a Mariña lucense, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará o seu departamento este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 M€ para actuar no eido residencial.

 

Neste sentido a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a aproveitar o orzamento dispoñible e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta provincia.

Ao respecto, referiuse á inminente convocatoria do programa de barrio, dotado para este ano con 11,5 millóns pero que mobilizará case 23 millóns de euros de aquí a 2026.

 

Deste xeito, os particulares poderán acadar o 80% do investimento —cun límite de 29.450 euros por inmoble— para mellorar ou rehabilitar as súas vivendas co fin de obter un aforro enerxético de, polo menos, un 30%. Os concellos poderán realizar tamén actuacións complementarias de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física no ámbito delimitado así como para investir en servizos como as oficinas de rehabilitación que faciliten a xestión das actuacións previstas sobre os inmobles de tipo residencial.

 

Neste sentido, a conselleira salientou o “impulso fundamental” que suporá este novidoso programa para as zonas escollidas, subliñando ademais que os municipios galegos con áreas de rehabilitación integral (ARI) ou áreas Rexurbe declaradas poderán acollerse tamén a esta liña de incentivos grazas ás xestións realizadas polo Goberno autonómico.

 

O programa a nivel de barrio, ademais, virá sumarse ao de nivel de edificio, convocado no mes de maio e que aínda se pode solicitar ata o 30 de novembro para, neste caso, subvencionar actuacións promovidas por particulares para mellorar a eficiencia tanto de vivendas oficiais como de segundas residencias.

 

Ademais, Ángeles Vázquez subliñou que esta mesma semana tamén se convocará o Bono de alugueiro social, co que se mobilizarán ata o ano 2026 preto de 15 millóns de euros para cubrir o 100% do custo do arrendamento da vivenda habitual dos colectivos máis vulnerables da Comunidade.

 

Así mesmo, a conselleira fixo fincapé nun programa de especial relevancia para a Mariña: os incentivos a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico. Trátase dunha das liñas de apoio á adquisición de vivenda previstas para este ano e está pensada especificamente para concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que poderán solicitarse en 13 dos 15 municipios da comarca —A Pontenova, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Ribadeo, Trabada e Xove—.

 

Cun orzamento de 2,55 millóns de euros, unha vez se publique a convocatoria, os mozos que queiran comprar a súa vivenda habitual nalgún destes concellos lucenses terán dereito a pedir unha axuda de ata 10.800 euros.

 

Guía informativa á disposición dos cidadáns

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva de Ourense.

 

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

 

Así mesmo, tamén se informou da posta en marcha en marzo da nova Oficina de rehabilitación de vivenda da Xunta en Santiago, que ofrece atención presencial e telefónica, cunha media de 90 chamadas atendidas ao día; e que está dispoñible en formato dixital unha guía cos distintos programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar neste enlace.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/07/2022