A Xunta licita por 51.000 euros dun azud no río das Balsadas, en Ourol

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se retirará unha represa situada en Miñotos, a 320 metros augas arriba da desembocadura deste río no Landro

A instalación estaba asociada a un muíño fariñeiro agora en desuso e a súa eliminación axudará a recuperar o hábitat fluvial nesa zona e a eliminar riscos de inundación

Ourol (Lugo), 14 de maio de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 51.000 euros as obras de demolición dun azud no río das Balsadas, a 320 metros augas arriba da súa desembocadura no Landro en Miñotos (Ourol). As empresas interesadas na execución destes traballos teñen ata o vindeiro 17 de agosto para presentar as súas ofertas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou a zona de actuación, onde explicou que a intervención consistirá en retirar unha represa que inicialmente estaba asociada a un muíño fariñeiro agora en desuso e que xa non cumpre a función para a que foi concibida.

Arias apuntou que o obxectivo é eliminar o obstáculo que supón o azud para o remonte dos peixes río arriba, o que axudará á recuperación do hábitat fluvial e á restauración hidromorfolóxica neste tramo, ademais de eliminar riscos de inundación.

Remarcou que a recuperación da dinámica natural dos peixes contribuirá á potencial repoboación de colonias de mexilón de río -Margaritifera Margaritifera – augas arribas da represa, xa que na súa etapa larvaria a náiade actúa como hóspede en determinadas especies piscícolas como a troita común ou o salmón atlántico.

Parte da instalación que se retirará atópase derruída e non pode embalsar a auga ata a cota precisa para que o caudal poida circular pola canle de derivación existente permitindo accionar o muíño e dínamo asociados. Ademais, estes elementos están agora en estado de abandono, sen os aparellos precisos para levar a acabo a súa función, pero a represa segue supoñendo un obstáculo para o remonte dos peixes río arriba.

Descrición das obras

Está prevista a demolición de todo o corpo do azud -duns 15,5 metros de lonxitude - de maneira manual desde a marxe dereita e a extracción dos residuos xerados na demolición para a súa retirada por parte dun xestor autorizado.

Unha vez finalizados os traballos procederase á reposición da vexetación afectada polo acceso dos vehículos de obra ao lugar de traballo. As actuacións deberán realizarse en época de estiaxe e a duración estimada será de dous meses -unha vez que se formalice o contrato -.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/07/2022