Valentín García destaca o compromiso do Goberno galego coa difusión da dramaturxia en galego na presentación do novo libro de Ernesto Is

A obra ‘Profetas’ conta co apoio da Xunta de Galicia e vén de gañar o 16º Premio Abrente de Textos Teatrais

Ribadavia (Ourense), 14 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Ribadavia na presentación do libro Profetas, de Ernesto Is, que vén de gañar o 16ª Premio Abrente. Trátase dunha obra que, tal e como lembrou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, contou coa colaboración da Xunta de Galicia como “mostra do compromiso do Goberno galego coa difusión da dramaturxia en galego e o apoio a novos autores”.

Ernesto Is é o primeiro dramaturgo que consegue por segunda vez o Premio Abrente de Textos Teatrais. Este autor asturiano afincado en Galicia, titulado en Dramaturxia pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, presenta neste libro a xuntanza dunha parella que xa non o é, para facer un balance da súa relación e dos encontros e desencontros despois de varios anos, desde a etapa de maior inmadurez ata a solidez intelectual e física.

Nesta peza inclúe referencias da literatura e do cinema, coma Moby Dick, que se integran con naturalidade na construción dunha tipoloxía de intervención escénica próxima ao ton da conversa. A cuestión metateatral desta obra funciona coma un xogo de saltos e retos con figuras escénicas que atrapan a atención do público.

O xurado destacou a súa escrita, cun ritmo narrativo axeitado, con cadencias, musicalidade e cambios. Tamén a construción dos personaxes, coa que empatizar en igualdade de xénero.

Data de actualización: 14/07/2022