O presidente da Xunta interveu na inauguración do encontro “Galicia´s Leadership & innovation day” na Toxa

Rueda garante seguridade e confianza para o desenvolvemento do tecido empresarial galego e anima a inversión foránea a apostar por Galicia

Pon en valor o incremento nun 18,2% do PIB per cápita de Galicia nos últimos 13 anos, o que supón a segunda maior subida de toda España


Destaca a facturación de máis de 25.000€ en exportacións das empresas galegas, da que máis de 9.300 teñen clientes fóra do territorio nacional


Advirte de que hai que tomar medidas áxiles e eficaces contra a inflación e a subida de prezos xa que se presentan tempos difíciles


 Insiste na importancia de que os Next Generation cheguen con axilidade ao tecido produtivo galego e reclama ao Goberno central “máis rapidez” na súa asignación para amosar así o seu compromiso coa industria galega e con Galicia
 

Compartir
  • whatsapp

 

A Toxa (O Grove), 14 de xullo de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que Galicia garante “seguridade e confianza” para o desenvolvemento do tecido empresarial galego e animou a inversión foránea a apostar por Galicia.

 

Esta foi a mensaxe que lanzou na súa intervención durante a inauguración do encontro Galicia’s Leadership & Innovation day, impulsado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) na Toxa e no que gabou o espírito expansionista dos empresarios galegos que, segundo Rueda, fixeron da empresa galega un “referente internacional” en sectores tan diversos, como o téxtil, a automoción, a biotecnoloxía ou o mundo das TIC.

 

O máximo mandatario galego puxo en valor o incremento nos últimos 13 anos dun 18,2% do PIB per cápita de Galicia, a segunda maior subida de toda España; a facturación de máis de 25.000 millóns de euros en exportacións; o aumento das exportacións nun 23,5€ no último ano; e o feito de que 9.300 empresas galegas teñan clientes fóra do territorio nacional.

 

“Non nos conformamos e queremos deixar aos nosos fillos unha Galicia aínda mellor”, proclamou Rueda, quen para este propósito salientou o papel do Plan Estratéxico 2020-30 para deseñar a Galicia de futuro e conseguir unha recuperación “sostible, competitiva e inclusiva”.

 

Ao respecto, debullou que este plan busca reducir a ratio de débeda por PIB en 5 puntos ata o 13%; recuperar a estabilidade orzamentaria no 2025 cun crecemento anual de entre o 2% o 2,5%; e reducir o paro ata o 8%.

 

Ante estes obxectivos, o presidente da Xunta admitiu que non se trata de construir “castelos no aire”, xa que alertou de que se presentan tempos “cargados de incertezas”. “Non imos maquillar a realidade”, enfatizou en referencia á inflación “sen precedentes” que se está a rexistrar e para cuxo freo considerou que o Goberno central chegou tarde, “e cando o fixo, non convenceu”, engadiu. 

 
Axilidade no reparto dos Next Generation

Ante esta situación, urxiu un pacto nacional de rendas que permita que os costes da inflación se asuman do modo máis equitativo posible e que o Goberno central axilice o reparto dos fondos Next Generation ao tecido produtivo.

 

“Levamos tempo esixindo esta reivindicación. É demasiado tempo, e o que non nos queda é tempo”, advertiu o titular do Executivo galego, quen salientou a candidatura sólida presentada por Galicia con proxectos estratéxicos, como o de Stellantis en Vigo, Showa Denko na Coruña, Altri en Palas de Reis ou o de Reganosa e EDP Renovábeis nas Pontes.

 

O presidente da Xunta volveu reclamar ao Goberno central, executor dos fondos europeos, que se comprometa coa industria galega para demostrar o seu compromiso con Galicia, dentro ou fóra dos Pertes, “pero que se comprometa”, incidiu para concluír.

 
Juan Vieites, I Premio Galego do Ano

No marco deste encontro Rueda tamén fixo entrega do I Premio Galego do Ano, impulsado por Cesuga ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, quen considerou “xusto merecedor” de ser o primeiro con esta distinción e do que considerou que recoñece a súa “constancia”

 

“O compromiso continuado é o que permite construír as grandes cousas”, argumentou o presidente da Xunta, quen vencellou a traxectoria de Vieites á deses empresarios galegos que contribúen ao “progreso colectivo” dun territorio. Neste senso, aproveitou a súa intervención para reivindicar a colaboración que está mantendo o Executivo de Galicia co tecido produtivo da comunidade para facer fronte os retos do actual escenario económico.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/07/2022