A Xunta convoca o procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor para os centros de formación e experimentación agraria

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, coa convocatoria e as bases destas achegas

Poderase optar a unha residencia en pensión completa ou unha bolsa de comedor para o curso completo, presentando a correspondente solicitude entre o 18 e o 29 deste mes de xullo

Poden ser beneficiarias destas prazas as persoas matriculadas nestes centros que sexan da Unión Europea ou estean dentro dun programa de cooperación internacional e que teñan a idade mínima permitida
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria (CFEA) e se convocan para o curso académico 2022/2023.

Esta convocatoria busca cubrir 52 prazas de residencia en réxime de pensión completa no CFEA de Sergude e outras 34 no de Lourizán. Así mesmo, tamén se habilitan varias prazas de comedor para o curso completo: 28 en Lourizán, 20 en Sergude, e o resto nos centros de Becerreá e Pedro Murias, nos que se cubriran 45 e 30 prazas respectivamente.

A primeira modalidade, a de residencia, inclúe o uso dun cuarto e aseo compartidos e o dereito ao almorzo, xantar e cea, cun horario de apertura dende as 8:00 horas do luns ata as 15:00 horas en Lourizán e dende as 21:00 horas do domingo ata as 15:30 horas do venres no caso do CFEA de Sergude. O prezo a pagar por este servizo será duns 2.039,39 euros para aquelas persoas que residan durante a totalidade do curso 22-23, ou duns 11,36 euros diarios para unha residencia en pensión completa dunha duración inferior a un curso escolar.

Pola súa parte, a modalidade de comedor para o curso completo comprende o servizo de xantar na sala de comedor durante todo o curso de luns a venres e nos días lectivos do centro. Neste caso o prezo deste servizo será duns 5,16 euros diarios ou de 23,29 euros semanais de adquirirse un bono de comedor para 5 días.

Poderán ser adxudicatarias destas prazas ou servizos aquelas persoas matriculadas no centro solicitado durante o curso escolar, que ademais deberán proceder de calquera país da Unión Europea -ou ser estranxeiro e acreditar a residencia nalgún destes países- ou formar parte dalgún dos programas de cooperación internacional dos que a Xunta é partícipe. Así mesmo, haberá requirimentos de idade para as prazas de pensión completa, cun mínimo de 18 anos no ano da convocatoria no caso das prazas en pensión completa do CFEA de Lourizán e de 16 no caso das do CFEA de Sergude.

As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), aínda que tamén pode facerse de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O prazo para a súa presentación será do día 18 ao día 29 deste mes de xullo.

 
Enlace á resolución no DOG:

Data de actualización: 15/07/2022