A Xunta licita por máis de 880.000€ as obras para o acondicionamento da antiga PO-400, no concello de Arbo

As empresas interesadas en acometer a actuación, cun prazo de execución de 6 meses, terán ata o vindeiro 10 de agosto para presentar as súas ofertas

Executarase en 2 fases, comezando polo acondicionamento do tramo antigo da vía e continuando coa mellora da intersección coa PO-400, para dispoñer unha glorieta

Rehabilitarase o firme, executaranse beirarrúas e sendas nos tramos urbanos e acondicionaranse os cruces

Habilitarase un carril de parada de autobús, coa colocación dun refuxio, ademais dunha zona de aparcadoiro, e mellorarase a seguridade peonil no antigo trazado da PO-400, coa construción dun itinerario cun ancho de 1,80 metros

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios
 

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por máis de 880.000 euros as obras para o acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de agosto. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

Esta intervención suporá un investimento autonómico global de preto de 1,3 millóns de euros, tendo en conta as expropiacións dos predios necesarios.

A actuación dividirase en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400, e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, para construír unha glorieta.

O departamento de Infraestruturas da Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

O proxecto inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á glorieta prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e a colocarase un refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO400A.

Tamén se mellorará a seguridade peonil no antigo trazado da PO‐400 cun itinerario de 1,80 metros de ancho, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos, sendo os peóns os usuarios máis vulnerables das estradas.

Data de actualización: 15/07/2022