Máis do 91% dos rapaces e rapazas galegas de 5 a 15 anos emprega dispositivos dixitais

A porcentaxe ascende a preto do 99% na franxa de idade de 10 a 15 anos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia publica hoxe o informe “Rapaciñ@s dixitais”

Máis do 90% de rapaciñ@s accederon algunha vez a internet e o 88,7% fíxoo nos tres últimos meses, un 2,5% máis que en 2020

O 78,5% de rapaciñ@s de 10 a 15 anos navegan por internet polo menos 5 días á semana

Promover unha capacitación dixital de familias, menores e docentes que garantía un uso seguro e responsable da tecnoloxía é un dos obxectivos do Marco galego de competencias dixitais

No curso 2020-21, Galicia situouse no terceiro posto a nivel estatal na ratio de ordenadores por alumno nos centros educativos

Galicia ocupa o primeiro posto en porcentaxe de centros educativos que dispoñen de Entornos Virtuais de Aprendizaxe, mellorando a media estatal en 22,4 puntos porcentuais

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

O nivel de dixitalización dos rapaciñ@s galegos en 2021 é moi alto. O 91,5% dos rapaciñ@s de 5 a 15 anos usaron dispositivos electrónicos no último ano (teléfonos móbiles con capacidade de conexión a internet, ordenador de sobremesa ou portátil, táblet e similares). O crecemento é do 9,3% nos catro últimos anos.

Por idades, cabe salientar que a práctica totalidade (98,9%) dos rapaciñ@s de 10 a 15 anos empregan dispositivos electrónicos fronte ao 81,6% no caso dos máis pequen@s de 5 a 9 anos.

En todos os indicadores de dixitalización, as diferenzas de xénero d@s rapaciñ@s son mínimas ou nulas pero os rapaces tenden a dispoñer antes de acceso a algúns dispositivos.

Son datos recollidos no estudo “Rapaciñ@s dixitais”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Este informe analiza os usos dixitais e dispositivos electrónicos polos rapaces e rapazas dos 5 aos 15 anos, comparándoos cos doutras idades. Tamén analiza o equipamento do que dispoñen nos seus fogares e centros educativos.

A maioría d@s rapaciñ@s xa navega por internet aos 5 anos

A Comunidade Galega conta cunhas características sociodemográficas particulares que deben considerarse cando se analiza o estado da sociedade dixital e inclusión dixital. Así, a poboación galega caracterízase por un nivel de avellentamento significativo. Menos do 12% da poboación de Galicia é menor de 15 anos, sumando arredor de 310 mil rapaces e rapazas, pero a súa concentración en determinadas áreas nas cidades ou as provincias de A Coruña e Pontevedra é aínda máis acusada que no caso da poboación global.

Neste contexto, máis dun 90% de rapaciñ@s accederon algunha vez a internet e o 88,7% fíxoo nos tres últimos meses, un 2,5% máis ca en 2020. Este indicador acada o 97,9% entre os nenos/as de 10 a 15 anos.

Os rapaces superan en 1,8 puntos porcentuais o uso de internet respecto das rapazas. Prodúcese unha incorporación máis rápida dos rapaces á rede, xa que entre os 5 e 9 anos, os nenos avantaxan ás nenas en 6,3 puntos porcentuais no uso de internet pero dos 10 aos 15 anos, a vantaxe desaparece e mesmo invértese lixeiramente a prol da rapazas (1 punto porcentual).

No que se refire á frecuencia de uso de internet, cabe salientar que o 56,5% de rapaciñ@s de 10 a 15 anos xa navegan a diario varias veces. Se lles sumamos tamén os/as que navegan 5 ou máis días á semana, obsérvase que un 78,5% de rapaciñ@s de 10 a 15 anos navegan 5 días ou máis á semana.

A convivencia con nenos e nenas en idade escolar é determinante no uso da Rede, así o 96,9% destes fogares usaron internet nos últimos tres meses e superan en 10,2 puntos porcentuais aos fogares que non conviven con rapaciñ@s.

O informe tamén indica que en 2021, o 64,6% dos rapaciñ@s usou ordenador nos últimos tres meses e case todos utilizárono para conectarse a internet. O smartphone foi utilizado polo 59,4% dos rapaces e rapazas de 5 a 15 anos e a porcentaxe supera o 75% na franxa de idade de 10 a 15 anos. Outros dispositivos móbiles, na maioría dos casos tablets, con capacidade de conexión a internet foron usados polo 62,6% dos rapaciñ@s.

Riscos no uso de Internet

Ante un uso cotiá, intensivo en cada vez mais temperán do uso das tecnoloxías por parte rapaces e rapazas, a concienciación sobre un uso seguro e responsable das mesmas cobra cada día mais importancia. Un recente informe de Unicef a nivel estatal elaborado e colaboración co Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación, Fomación e Universidades, xunto con este departamento doutras comunidades autónomas, pon de manifesto aspectos como que as as prácticas de sexting son cada vez máis habituais. O 25% recoñece que algún dos seus contactos envioulle algunha vez fotos, imaxes ou vídeos persoais de carácter erótico ou sexual (sexting pasivo) e o 8,4% recoñece envialos eles mesmas (sexting activo). A cifra de presións para o envío deste tipo de material é incluso superior (9,8%).

En contraposición a estes riscos so  o 34,9% dos adolescentes sinala que os seus pais lles poñen algún tipo de normas ou límites sobre o uso da internet e/ou as pantallas; só o 28,2% limitan as horas de uso e o 13,7% os contidos aos que poden acceder.

Promover unha boa capacitación dixital de familias, menores e docentes é un dos obxectivos do Marco galego de competencias dixitais. É preciso non só saber usar a tecnoloxía senón coñecer os seus riscos e contar con ferramentas para facer fronte aos mesmos, e que o contexto dixital sexa un entorno saudable de formación, relación e desempeño profesional

Galicia entre as comunidades cos fogares e centros educativos mellor equipados para a educación dixital

O 95,2% dos fogares onde residen nenos/as en idade escolar, dispoñen de ordenadores, superando á media do resto de fogares en 21,6 puntos porcentuais.

A presenza de menores en idade escolar repercute de xeito positivo, non só na dispoñibilidade de ordenadores no fogar, senón tamén en todo o equipamento TIC nos fogares galegos.

A maior diferenza, de 32,6 puntos porcentuais, está na presenza de tablets, netbooks e outros dispositivos portátiles diferentes aos ordenadores e smartphones, seguido dos ordenadores portátiles, cunha diferenza de 23,8 puntos porcentuais. Tamén no caso de altofalantes intelixentes e dispositivos de seguridade con conexión a internet, a presenza nos fogares con rapaciñ@s é case o dobre respecto aos fogares onde non residen nenos/as.

O 99,6% dos fogares con nen@s en idade escolar dispoñen de internet, 7,4 puntos porcentuais máis que o promedio. Galicia ocupa 4º lugar en porcentaxe de centros educativos con velocidade de conexión superior a 100 Mbps. Supera á media do estado en máis de 37 puntos porcentuais.

No curso 2020-21, Galicia situouse no terceiro posto a nivel estatal na ratio de ordenadores por alumno nos centros educativos ao dispoñer dun ordenador por cada 1,7 alumnos, só superada por País Vasco e Estremadura. Galicia supera en 4,4 puntos porcentuais a dispoñibilidade de dispositivos interactivos dixitais, acadando o 70,2% e ocupando así o 6º posto.

O Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA) é un espazo educativo aloxado na web, un conxunto de ferramentas informáticas que posibilitan a interacción didáctica de xeito que o alumno poida desenvolver labores propias da docencia como realizar preguntas, exercicios, ler documentos... Galicia é líder estatal en porcentaxe de centros con EVA, mellorando a media estatal en 22,4 puntos porcentuais.

Os resultados detallados do informe “Rapaciñ@s dixitais” poden ser consultados en osimga.gal

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/07/2022