A Xunta concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida vitivinícola Terras do Navia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural ao respecto, que tamén deberá publicarse no Boletín Oficial do Estado
 

Poderán empregar esta IXP os viños que cumpran cunha serie de condicións estipuladas, que o Goberno galego se encargará de facer cumprir mediante controis a produtos, produtores e elaboradores
 

A protección transitoria cesará cando a Comisión Europea tome unha decisión sobre a súa inscrición
 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia. Utilízase así un mecanismo que está previsto na normativa comunitaria e que permite a utilización e a protección desta IXP no territorio español mentres a Comisión Europea non adopte a decisión definitiva da súa inscrición no rexistro europeo. Deste xeito, trátase dunha solución transitoria que estará vixente ata que a Comisión Europea tome unha decisión definitiva sobre a súa inscrición e protección en toda a Unión.

 

Esta orde continúa o proceso iniciado o 28 de maio de 2021, cando a Consellería do Medio Rural aprobou o recoñecemento desta indicación xeográfica protexida, sendo publicada o 11 de xuño do mesmo ano. Tras isto, transmitiuse por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a solicitude para inscribila ante a Comisión Europea, que a recibiu o 23 de xullo, habilitando este trámite a posibilidade da concesión da protección transitoria.

 

Co recoñecemento desta IXP preténdese protexer e potenciar os viños do territorio delimitado que comprende o concello lucense de Negueira de Muñiz e diversas parroquias dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada. Os viños deben cumprir diversos requisitos relativos tanto ás variedades de uva utilizadas como ás técnicas de produción vitícola e ás prácticas enolóxicas empregadas. Establécense ademais requisitos relacionados coas características físico-químicas e organolépticas dos viños, a súa etiquetaxe e comercialización.

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria encargarase de asegurar o cumprimento das condicións esixidas mediante os diferentes tipos de controis, tanto sistemáticos como aleatorios. Están suxeitos a estas probas tanto o propio produto como aqueles operadores que se encargan da súa elaboración e/ou comercialización.

 

A protección nacional transitoria estará operativa ata que a Comisión Europea resolva este expediente e tome a decisión de conceder ou denegar a indicación xeográfica protexida ao viño Terras do Navia.

 
 
Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220720/AnuncioG0426-130722-0001_gl.html

Data de actualización: 20/07/2022