A metade das empresas tecnolóxicas galegas realizan actividades innovadoras

O gasto en innovación do sector tecnolóxico en Galicia entre 2018 e 2020 ascendeu a máis de 118 millóns de euros, dos cales o 71,7% está destinado a I+D interna
 

O 70% das empresas tecnolóxicas que realizaron actividades de I+D+i obtiveron resultados comercializables, un 2,5% más que o ano anterior
 

Increméntase en máis de 6 puntos a porcentaxe de empresas TIC que introducen no mercado produtos mellorados e en 4 puntos as que obtiveron servizos novos ou mellorados
 

O 34,7% das empresas do Hipersector TIC declaran que as súas actividades innovadoras tiveron impacto na cifra de negocio
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2022 O 48,9% das empresas tecnolóxicas de Galicia con 10 ou máis persoas empregadas realizaron actividades innovadoras no período 2018-2020, segundo os datos da enquisa de innovación e I+D realizada polo Instituto Nacional de Estadística. No conxunto do tecido empresarial, a porcentaxe de empresas innovadoras foi dun 22,5%.

 

Entre as empresas do Hipersector TIC que realizaron innovacións, no 89,1% dos casos eran innovacións tecnolóxicas de produto e o 91,5% innovacións tecnolóxicas de proceso.

 

O gasto en innovación en Galicia do Hipersector TIC ascendeu neste período a máis de 118 millóns de euros, dos cales o 71,7% está destinado a I+D interna.

 

Ademais, o 34,7% das empresas do Hipersector TIC innovadoras declaran que as súas actividades innovadoras tiveron impacto na cifra de negocios, das cales, o 9,6% son innovacións no mercado e o 25,1% só para a propia empresa.

 

Estes datos foron recollidos nos estudos “Galicia dixital. O Hipersector TIC en Galicia” e "Galicia Dixital: O sector TIC de Galicia", publicados polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

 
Produtos comercializables

En 2021 o 70% das empresas tecnolóxicas galegas que realizaron actividades de I+D+i obtivo resultados comercializables, o que supón un incremento do 2,5% respecto ao ano anterior.

 

Por actividade, as empresas que realizaron máis actividades de I+D+i son as pertencentes ao subsector das Manufactureiras TIC cun 50%, seguidas das empresas dedicadas a “Actividades informáticas” cun 36%.

 
Produtos e servizos novos ou mellorados

Tamén se incrementa a porcentaxe de empresas do sector TIC galego que nos tres últimos anos introduciron produtos novos ou mellorados no mercado, pasando dun 28% a un 34,4%. O aumento esténdese aos servizo novos ou mellorados producidos polas tecnolóxicas galegas, dun 38,4% a un 42,8%.

 
Persoal I+D nas empresas galegas

No 2021 segue predominando a presenza masculina nas tarefas de I+D+i das empresas tecnolóxicas, xa que existen catro homes por cada muller nese departamento. As mulleres representan o 19% dos empregados en I+D+i fronte a un 81% de homes.

 

Pódense consultar os informes dos que proceden estes datos na páxina web de osimga: osimga.gal

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/07/2022