A Xunta destina máis de 1 M€ ao reforzo do equipamento de emerxencias para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O Goberno galego acaba de publicar a convocatoria destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes con agrupacións de voluntarios de Protección Civil
 

Entre o material que se cederá figuran oito vehículos todo terreo, oito remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 13 embarcacións pneumáticas e 120 desfribiladores externos
 

Santiago de Compostela, 27de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta acaba de publicar a convocatoria pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

 

Cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a iniciativa conta cun orzamento de máis de un millón de euros e vai destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do 22 de xullo, día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

 

En concreto, cederanse oito vehículos todo terreo, oito remolques, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 13 embarcacións pneumáticas duns catro metros de eslora e 120 desfribiladores externos.

 

Entidades beneficiarias

Cómpre ter en conta que as coitelas para a retirada de neve destínanse ás entidades locais que figuran no Plan Nevaradas en Galicia (NEGA) situadas por riba dos 800 metros de altitude, mentres que na concesión dos esparexedores de sal terán prioridade os municipios de máis de 500 metros de altitude que tamén figuren neste plan.

 

Do mesmo xeito, só poderán beneficiarios das embarcacións pneumáticas os municipios adscritos ao Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga) en 2021 ou que teñan encoros nos que ao longo dos últimos tres anos se levasen a cabo probas deportivas ou de adestramentos. No que se refire aos desfribiladores externos priorizaranse as entidades locais que non recibisen este equipamento nos últimos cinco anos para algún dos seus servizos de emerxencias.

 

Esta convocatoria forma parte das actuacións emprendidas pola Xunta co obxectivo de incrementar e mellorar os equipamentos de emerxencias dos concellos galegos; sobre todo, os que teñen menos habitantes e menos recursos, nos que as agrupacións de voluntarios de Protección Civil desempeñan un importante papel en apoio ao resto de servizos de emerxencias.

 

Nos últimos anos a Xunta ten realizado un importante investimento para dotar os servizos de emerxencias dos municipios do material necesario, pese a tratarse dunha competencia municipal. En concreto, máis de 22 millóns de euros, dos que máis de 14 millóns foron dirixidos ao equipamento para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. 

 

A convocatoria compleméntase con outras liñas de axudas destinadas a apoiar as agrupacións de voluntarios, como a destinada a sufragar os gastos de funcionamento con 340.000 euros anuais e da que este ano se beneficiaron 190 organizacións.

Data de actualización: 27/07/2022