Rueda anuncia un investimento de máis de 6,5 millóns para a compra de vacinas fronte ao Herpes Zóster e a Meninxite B e amplía a poboación destinataria

Explica que entre as novidades do Programa Galego de Vacinación inclúese a vacinación fronte ao meningococo B aos nenos e nenas partir dos dous meses no calendario vacinal, cando na actualidade só estaba financiada nos grupos de risco de todas as idades

Avanza a indicación da vacina fronte ao Herpes Zoster ás persoas maiores de 18 anos con VIH, Hemopatías malignas ou tumores en tratamento con quimioterapia

“Galicia será a Comunidade co calendario de vacinación infantil máis completo de España”, afirmou, ao estender tamén a vacina fronte ao virus do papiloma humano a todos os varóns de 12 anos e incluir a antigripal tetravalente para nenos e nenas de entre 6 meses e 5 anos

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou un investimento aprobado no Consello de 6,5 M€ para a contratación da subministración sucesiva das vacinas fronte o Herpes Zóster e a Meninxite B a partir de dous meses de idade.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Goberno galego, lembrou que, en cumprimento do compromiso expresado no debate de investidura, a Xunta vai incorporar tres novas vacinas do calendario infantil. Unha delas, a da Meninxite B, ata o de agora só estaba financiada para os grupos de risco de todas as idades. Polo que incluíla no calendario infantil resulta básico para a equidade e para que calquera rapaz poida vacinarse e previr enfermedades graves. A previsión, segundo apuntou o presidente galego, é que 14.700 nenos e nenas reciban este vial “a partir de novembro”.

Así mesmo, o titular do Goberno galego subliñou que ao remate do ano vanse introducir dúas vacinas novas máis para a poboación de menor idade: a vacina contra o virus do papiloma humano a todos os varóns de 12 anos, e a vacina antigrupal tetravalente para os menos de entre 6 meses e 5 anos. “Galicia vai ser a comunidade no calendario de vacinación infantil máis completo de España”, enxalzou.

Coa autorización da compra destas vacinas se introducirán novidades no Programa Galego de Vacinación, ampliando os grupos de poboación destinataria das mesmas.

 

Ampliación da cobertura

Así, inclúese a vacinación fronte á Meninxite B, a partir de dous meses, no calendario vacinal. As elevadas coberturas en Galicia (84,34%) acádanse polo financiamento privado dos pais, pero a partir de agora garantirase a equidade no acceso a esta vacina a todos os nenos e nenas a partir de dous meses de idade.

O meningococo B pode causar infeccións graves como meninixite e sepsi xeralizada, con secuelas graves, e pode incluso provocar a morte, razón pola que se aconsella a vacinación.

No caso da vacina fronte ao Herpes Zoster amplíase a indicación da mesma ás persoas maiores de 18 anos con VIH, con Hemopatías malignas ou con tumores sólidos en tratamento con quimioterapia. Ata o de agora, só os maiores de 18 anos con transplantes autólogos, transplantes de órganos sólidos e tratamentos con fármacos anti-JAK eran os destinatarios. Deste xeito, o presidente da Xunta adinatou que o número de persoas que recibirán esta vacina poderá ascender das 1.500 a 15.000 persoas e que tamén se prevé que se comece a administrar “a partir de novembro deste ano”.

O Herpes Zoster é u unha enfermidade de baixa mortalidade, pero moi prevalente, con maior incidencia a partir dos 50 anos e aumenta de maneira considerable coa presenza de inmunodepresión e certas condicións de risco. As súas complicacións, sobre todo a neuralxia postherpética (NPH), poden ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida, constituíndo un importante problema de saúde e de carga para a sociedade.

A Dirección Xeral de Saúde Pública ten prevista a aprobación dende mediados de setembro dun novo Calentario de Vacinación no que se incluirán as novas incorporacións, se ben a implantación efectiva destas novas actuacións estimase para o 1 de novembro polos prazos previstos das licitacións.

Tres novas vacinas no calendario infantil

O contrato aprobado no Consello dá cumprimento á incorporación do meningococo B. Pero ademáis, a vacina fronte ao virus do papiloma humano estenderase no vindeiro curso escolar a todos os varóns de 12 anos co fin de acelerar os beneficios globais na loita contra a transmisión deste virus e na mesma dirección que o plan da Organización Mundial da Saúde para eliminar os cancros producidos polo VPH. Por outra banda, Galicia incluirá a vacina antigripal tetravalente para nenos e nenas de entre 6 meses e 5 anos.

No relativo ao Herpes Zoster, a actuación enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia con completar a protección nos principais grupos de risco consensuados na estratexia nacional aprobada pola Comisión de Salud Pública del CISNS.

O Programa Galego de Vacinacións constitúe unha das liñas de traballo de mais longa historia entre as actividades de Saúde Pública e conta cun amplo consenso respecto á súa efectividade e eficiencia. A xestión eficaz deste programa implica necesariamente a subministración de maneira permanente das diversas vacinas que se encontran incluídas no calendario vacinal e outros produtos inmunolóxicos dirixidos aos adultos ou nenos baixo circunstancias especiais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/07/2022