O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse no Palacio da Moncloa co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez

Rueda valora a vontade de avanzar en acordos de interese para Galicia pero advirte a Pedro Sánchez que estará “vixiante” sobre os compromisos adquiridos

O titular do Executivo galego incide na necesidade de que a Administración estatal habilite axudas para a reconstrución das zonas máis afectadas polos incendios deste mes de xullo

Valora a predisposición a atender con fondos europeos as necesidades de financiamento de proxectos como o de Altri en Palas de Rei ou o de Stellantis en Vigo

Recorda que o Goberno central ten as competencias para aliviar as causas da falta de médicos en atención primaria

Destaca o compromiso da creación de mesas de seguimento para a chegada dos trens Avril a Galicia e da solución ao viaduto derrubado na A-6

Lamenta a “negativa rotunda” do Goberno central á transferencia da xestión do litoral e considera que é “difícil de entender” cando acaba de concederlla á Comunidade Autónoma de Canarias
 

Compartir
  • whatsapp

 Madrid, 28 de xullo de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou o ton cordial da reunión que hoxe mantivo co presidente do Goberno no Palacio da Moncloa, así como a vontade de avanzar en acordos de interese para Galicia, pero advertiu que estará “vixiante” sobre a evolución dos compromisos adquiridos.

 

Alfonso Rueda manifestouse esperanzado sobre “as boas perspectivas” que se presentan para a consecución de fondos Next Generation en proxectos como o de Altri en Palas de Rei ou de Stellantis en Vigo, pero lamentou a falta de compromisos concretos nas peticións relacionadas coa sanidade, e sobre todo, que Pedro Sánchez manteña a negativa da transferencia a Galicia da xestión do litoral. O titular do Goberno galego, que fixo entrega ao presidente do Goberno central dun documento coas peticións que son clave para Galicia, insistiu tras o encontro en que “o diálogo institucional sempre é positivo”. “Non é unha axenda partidaria, é unha axenda de Galicia sobre cuestións que importan e que necesitan sen dúbida a implicación do Goberno central”, esgrimiu Rueda tras o encontro.

 
Axudas para afectados nos incendios

Rueda precisou que a primeira parte deste encontro se centrou nos incendios que asolaron Galicia e outras partes de España neste mes de xullo. Ao respecto, reivindicou a necesidade de que o compromiso demostrado polo Goberno coa visita do presidente Sánchez ao Barco de Valdeorras vaia “un paso máis aló” coa declaración de zona catastrófica e a habilitación de axudas para a reconstrución. 

 

Neste senso, lembrou que a Xunta de Galicia xa aprobou unhas axudas de emerxencia por valor de máis 9 millóns e mañá mesmo se publicarán as correspondentes convocatorias para que poidan chegar aos seus destinatarios en menos de tres meses. Por este motivo, considerou que agora o Goberno central debe tamén actuar no seu ámbito de competencias para apoiar a recuperación das zonas máis afectadas.

 
Mensaxes “esperanzadoras” para os proxectos de Altri ou Stellantis

Rueda valorou que nalgunhas peticións obtivo por parte do presidente Sánchez mensaxes “optimistas e esperanzadoras”, en referencia á consecución de fondos europeos para certos proxectos presentados por Galicia, como o de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei ou o de automoción eléctrica de Stellantis en Vigo. “Temos boas perspectivas, pero estaremos vixiantes”, precisou sobre estes compromisos.

 

O presidente da Xunta advertiu que estes fondos europeos son “unha oportunidade excelente” para transformar o tecido produtivo de Galicia e adaptalo ás esixencias das próximas décadas. Ademais, tamén lle alertou de que non se debería pasar ao capítulo de préstamos a empresas mentres non estea encamiñada a primeira fase das axudas a fondo perdido. Ao respecto, precisou que estas deben estar comprometidas ao cento por cento antes de finalizar 2023, polo que apuntou como imprescindible axilizar a súa distribución.

 

Rueda lembroulle ao presidente do Goberno central que a Xunta de Galicia ten elaborado desde hai tempo unha listaxe de proxectos prioritarios, entre os que destacou —ademais dos xa mencionados— o de Showa Denko na Coruña ou o proxecto de economía circular para o aproveitamento dos puríns. “Todos eles deben contar co apoio estatal sexa da forma que sexa: dentro ou fóra dos Perte”, advertiu.

 
Convocatoria dun milleiro de prazas MIR

Na reunión tamén se abordou a situación da Sanidade pública, cuxo maior problema, segundo remarcou Rueda, é a falta de médicos de familia. “Que sexamos as comunidades quen afrontamos o día a día da xestión sanitaria non implica que o Goberno poida deixar de exercer as súas responsabilidades”, esgrimiu.

 

Por este motivo, lembrou o manifesto conxunto de sete comunidades de distinto signo político, no que se reclamaban cinco medidas de competencia estatal, entre as que se atopa a convocatoria dun milleiro de prazas MIR extraordinarias de medicina familiar e comunitaria e a necesidade de que crear a especialidade de medicina de Urxencias e Emerxencias.

 
Mesas de seguimento para os Trens Avril e para o viaduto da A-6

Na reunión o presidente da Xunta tamén lle trasladou os “compromisos incumpridos” con Galicia en materia de transporte e demandou un “cronograma claro” para a chegada dos trens Avril ás cidades galegas. O presidente do Goberno central comprometeuse a constituír coa máxima axilidade unha mesa de seguimento do contrato con Talgo na que participe a Xunta de Galicia.

 

Ademais, Rueda trasladou a demanda unánime que existe en Galicia de que a liña de tren Avant que une Santiago con Ourense se beneficie tamén dos descontos anunciados polo Goberno para os traxectos de media distancia.

 

Pedro Sánchez comprometeu tamén a activación dunha mesa de seguimento sobre a solución provisional implantada polo Executivo central para sortear o viaduto derrubado da A-6, así como a súa reconstrución, con prazos claros.

 

O titular do Executivo galego tamén abordou co presidente do Goberno central a reivindicación histórica da transferencia da AP-9, solicitando o desbloqueo “canto antes” da tramitación da proposición de lei que a faría posible.

 

Por último no eido das infraestruturas, Rueda lembrou cuestións que aínda están pendentes nun bo número de vías, como a lentitude dos avances na autovía A-54 Santiago-Lugo e a ausencia de consignación orzamentaria para a A-56 Lugo-Ourense, a A-74 da Mariña, a A-76 Ourense-Ponferrada, a tramo Vigo-Porriño da A-52, a ampliación da avenida de Alfonso Molina na Coruña ou as novas fases da circunvalación de Pontevedra A-57, entre outras. Tamén abordou, en materia ferroviaria, a necesidade de impulsar a saída sur de Vigo para mellorar a conexión con Portugal.

 
Negativa á transferencia da xestión do litoral

Pola contra, Rueda lamentou que non houbese avances na reclamación que Galicia fai da transferencia da xestión do litoral. “Foi categórico e dixo que non”, indicou o presidente da Xunta, quen deixou claro que desde o Goberno galego, que conta co apoio das demais forzas con representación parlamentaria en Galicia, “vaise seguir insistindo” para acadar ese obxectivo. Incidiu, ademais, en que “é difícil de entender que se lle negue a Galicia o que si se dá a outras comunidades autónomas”, e citou o caso de Canarias, que mesmo onte acadou esas competencias. “A Xunta achegou un informe do Consello Consultivo de Galicia, un órgano independente que indica que o traspaso depende da vontade política porque non hai argumentos xurídicos en contra”, abondou.

 


Financiamento autonómico, dependencia e ingreso mínimo vital

Rueda precisou que tamén lle trasladou a Sánchez outras cuestións pendentes que deben ser abordadas polo Goberno central. Así, apuntou a necesidade de dar pasos para un novo modelo de financiación autonómica; de que se incremente en 170 millóns a achega do Goberno central para financiar a dependencia en Galicia e reducir o desequilibrio ou de dar resposta a coxestión do ingreso mínimo vital, comprometida o pasado mes de xaneiro polo ministro Escrivá e sobre o que aínda non houbo resposta.

 

De igual xeito, tamén relatou entre outros asuntos trasladados a Pedro Sánchez a petición de implicación do Goberno central no pacto de Estado por Ferrol; a concesión de tres xulgados novos en Galicia en violencia de xénero; a creación das mesas das centrais térmicas de Meirama e As Pontes e o compromiso de estar vixiantes sobre o futuro de Alcoa, “fundamental para Lugo e toda Galicia”.

 

Por último, Rueda informou de que lle fixo entrega ao presidente Pedro Sánchez dunha carta das familias das vítimas do naufraxio do arrastreiro galego Villa de Pitanxo, que solicitan dende hai tempo unha operación de traballo subacuático para localizar o barco e delimitar mellor as causas reais do afundimento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/07/2022