A Xunta participa no pleno da conferencia de asuntos relacionados coa UE (CARUE) para preparar a presidencia española do Consello en 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, anunciou a elaboración dun documento que recollerá as principais prioridades de Galicia

Leioa (Biscaia), 29 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou a Xunta de Galicia na 65ª reunión plenaria da Conferencia de Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE) celebrada hoxe para preparar a presidencia española no Consello da UE no segundo semestre do ano 2023.

A este respecto, o director xeral anunciou que a Xunta de Galicia elaborará o seu propio documento de prioridades para remitirlle ao Goberno e que confía en que este sexa sometido a debate no marco da Conferencia de Asuntos Relacionados coa UE.

 

Jesús Gamallo tamén expresou a súa preocupación polo feito de que as informacións recibidas por parte do Goberno nesta reunión non foron obxecto de debate previo coas comunidades autónomas, polo que, nalgúns casos, parecen decisións pechadas. Para o director xeral, esta situación “non casa ben coa necesidade de que as comunidades autónomas poidamos participar realmente na preparación e na execución da presidencia española do Consello da UE”. “A presidencia do Consello da UE é unha cuestión de Estado, non só do Goberno, e nese escenario as comunidades autónomas temos a responsabilidade de comprometernos activamente”, engadiu.

 

Órgano de cooperación, consulta e deliberación

 

A Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), constituída no ano 1988, é un órgano de cooperación, consulta e deliberación entre o Estado e as comunidades autónomas. Ten como fin articular adecuadamente a concorrencia destas na participación nos asuntos europeos, así como garantir a súa participación efectiva na fase de formación da vontade do Estado ante as institucións comunitarias e na execución do Dereito comunitario.

Data de actualización: 29/07/2022