A Xunta concede axudas a 30 empresas e autónomos de zonas illadas do rural para conexión a redes de máis de 100 megas

A Administración autonómica subvenciona ata o 100% dos custos para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
 

É a terceira convocatoria desta liña de axudas enmarcada no Plan de Banda Larga da Xunta
 

En total nas tres convocatorias concedéronse máis de 1,4 millóns de axudas a 121 empresas e autónomos
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

Un total de 30 empresas e autónomos do rural galego resultaron beneficiarios das axudas para a conexión a redes de banda larga ultrarrápida de máis de 100 megas.

 

Esta é a terceira convocatoria destas axudas que estaba dotada con case 880.000 euros, para subvencionar ata o 100% dos custos para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por proxecto.

 

En total, nas tres convocatorias, concedéronse máis de 1,4 millóns de euros a 121 empresas e autónomos, que suman máis de 1.500 traballadores en zonas rurais que estaban afastadas deste tipo de redes.

 

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

 

Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas en áreas empresariais

No marco do Plan de Banda Larga 2020, púxose en marcha, en xullo de 2016, unhaprimeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contaban con cobertura de redes ultrarrápidas, nin previsión de dispoñer deste servizo.

 

Deste xeito, actualmente hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

 
Medida complementaria ás estatais

Esta liña de axudas, destinada a dotar dun servizo de banda larga ultrarrápida a empresas illadas do rural, complementa outras actuacións que o Goberno do Estado ten en marcha a través do Programa ÚNICO, con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRPT), dos que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado.

 

A Xunta xa ten en marcha tres destas catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; e os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables, que se convocará nas vindeiras semanas. A última medida, destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios, porase en marcha no mes de setembro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2022