Rueda enxalza o Xacobeo dobre como a mellor plataforma para os produtos galegos e sinala a gastronomía como un valor clave na oferta turística de calidade

Sinala a aposta da Xunta por seguir impulsando o turismo baseado na paisaxe, na cultura e na boa cociña, como amosa o investimento de 16 M€ en Plans de Sustentabilidade Turística en Destino

Asume o obxectivo dos organizadores da cita de converter a Festa da Empanada de Bandeira en Festa de Interese Turístico Nacional

Bandeira (Silleda), 29 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou o Xacobeo dobre como a mellor plataforma para a promoción e o coñecemento dos produtos galegos e sinalou a gastronomía como un valor clave na oferta turística de calidade de Galicia.

 

No acto que de nomeamento como Valedor da Festa da Empanada, o titular do Goberno galego puxo en valor o comportamento de récord do Ano Santo, como evidencian os 210.000 peregrinos oficiais que finalizaron a ruta –máis de 100.000 estranxeiros—, e sinalou a aposta da Xunta por seguir impulsando en Galicia un turismo que é sinónimo de paisaxe, tranquilidade, cultura e boa gastronomía. Nesa liña, destacou o investimento de 16 M€ en Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.

 

Ao tempo que agradeceu a distinción, Rueda tamén asumiu como propio o propósito dos organizadores de lograr que a cita, que xa vai pola súa 46 edición, sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional, coincidindo coas súas vodas de ouro en 2026. E comprometeu o seu apoio ao obxectivo “como persoa que ten gran parte das súas raíces, da súa orixe e do seu corazón nestas terras”.

 

Por outra banda, salientou a pegada da gastronomía galega grazas a celebracións como a Festa da Empanada de Bandeira; a existencia de grandes mestres da cociña, como Lucía Freitas –a pregoeira deste ano—; e de grandes impulsores como o presidente da Asociación de Amigos da Empanada de Bandeira, Andrés Seoane, que xunto con outras case 150 asociacións, axudan a divulgar o prato que “conecta coa tradición galega, que ten potencia e moitísima repercusión”, sentenciou. 

 

Finalmente, o mandatario galego tamén quixo remarcar o papel dos galegos e das galegas que, xunto co potente sector da hostalería, tamén contribúen a que este prato continúe a ser un dos máis emblemáticos da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/07/2022