O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse hoxe co comité de Ferroatlántica en Sabón (Arteixo)

A Xunta advirte da situación de incerteza en que está instalada a planta de Ferroatlántica en Arteixo debido aos altos prezos da enerxía

Conde recoñece que as perdas económicas que o prezo da luz e o gas está ocasionando na industria electrointensiva pode acabar poñendo en risco os 5000 empregos que este sector xera en Galicia
 

Reclama ao Goberno que aprobe canto antes un prezo eléctrico que sexa homologable ao do resto de países europeos para que as empresas electrointensivas poidan competir en igualdade de condicións
 

A Coruña, 2 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, advertiu hoxe da situación de incerteza en que está instalada a planta de Ferroatlántica en Sabón (Arteixo), que leva pechada desde finais de xullo debido aos altos prezos da enerxía.

 

Nunha reunión co comité de empresa á que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o vicepresidente recoñeceu que as perdas económicas que o prezo da luz e o gas está ocasionando na industria electrointensiva pode acabar poñendo en risco os 5000 empregos que este sector xera en Galicia.

 

Conde lembrou que Ferroatlántica non é a única electrointensiva en Galicia que está pasando por dificultades, senón, tamén, Alcoa, que se viu obrigada a reducir a produción de alúmina na planta de San Cibrao polo custo actual do gas, ou o sector da coxeración.

 

Son empresas que necesitan unha solución inmediata porque están nunha “situación límite”, dixo, para subliñar que Galicia xa leva tempo advertindo das tensións que está xerando na industria a falta dunha política enerxética estatal que responda ás necesidades de sectores como o electrointensivo. Un sector que, neste momento, soporta en España un custo eléctrico que é 90 euros/MWh máis caro que en países como Francia.

 

Así pois, volveu reclamar ao Goberno que aprobe canto antes un prezo eléctrico que sexa homologable ao do resto de países europeos para que as empresas electrointensivas poidan competir en igualdade de condicións. “O Goberno ten que tomar medidas para abordar esta situación”, dixo Conde, que tamén considerou que a empresa ten que dotarse de mecanismos “para poder establecer contratos bilaterais que poidan abaratar o prezo enerxético”.

 

“Nesa corresponsabilidade entre o Goberno e a empresa ten que atoparse unha solución para garantir esa estabilidade, ese prezo enerxético competitivo. E a Xunta vai estar para colaborar e apoiar calquera tipo de iniciativa nese sentido”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/08/2022