Os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade reuníronse cos alcaldes dos concellos afectados polo lume iniciado en Vilariño de Conso

A Xunta apela á concienciación cidadá fronte aos incendios e os incendiarios tras constatarse claros indicios de intencionalidade en varios lumes da pasada semana

No encontro desta tarde cos rexedores de Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa e Laza, o titular de Medio Rural referiuse aos incendios rexistrados en localidades como as ourensás de Maside ou Boborás, onde houbo varios mesmo simultáneos

Tamén aludiu ao achado dun artefacto incendiario formado por unha cabicha provista dun sistema de ignición, dunha pastilla de acendido ou de papeis de xornais amoreados no punto de inicio de conatos en distintos distritos forestais

Engadiu que técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán se desprazarán á zona afectada polo lume iniciado en Vilariño de Conso, para avaliar as posibilidades de rexeneración ao igual que se está a facer no Courel e en Valdeorras

Pola mañá, os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade xa se reuniron cos alcaldes de Oímbra, Verín, Vilardevós e Monterrei, para analizar os danos causados polos lumes que entraron desde Portugal ao primeiro dos concellos
 

Compartir
  • whatsapp

 

Vilariño de Conso (Ourense), 2 de agosto de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, apelou hoxe á concienciación cidadá fronte aos incendios e os incendiarios tras constatarse claros indicios de intencionalidade en varios lumes rexistrados a semana pasada. Foi durante o encontro mantido con alcaldes dos concellos de Vilariño de Conso, Chandrexa de Queixa e Laza, afectados polo lume iniciado na parroquia de Pradoalbar que roldou as 7.000 hectáreas e que entrou no Parque Natural do Invernadeiro.

 

Na xuntanza, o titular de Medio Rural destacou que -só entre as 21,00 h. do pasado sábado e as 8,00 h. do domingo- rexistráronse un total de 15 incendios forestais en Galicia, cando os medios aéreos comezan a retirarse ou non poden actuar por ser de noite. E entre as 21,00 h. do domingo e as 8,00 h. de onte rexistráronse outros 11 incendios.

 

A maiores, engadiu, chama a atención que -na provincia de Ourense- ao longo do sábado se rexistrasen ata tres lumes en Maside con apenas 30 minutos de diferencia entre dous deles, mentres na localidade de Boborás houbo dous incendios iniciados o domingo de forma case simultánea. No resto da comunidade, rexistráronse catro lumes no concello lugués do Saviñao, nunha mesma parroquia, algún deles con menos de 20 minutos de diferencia. A maiores, houbo outros tres lumes ao longo do domingo no concello do Porriño, mentres en Ponteareas se rexistraron dous lumes na fin de semana.

 

Tomando como base estes datos, José González sinalou que a probabilidade de que a meirande parte destes lumes sexan intencionados é moi elevada. Unha porcentaxe que aumenta se temos tamén en conta os indicios atopados nos últimos días en diferentes distritos forestais. Así, atopouse un artefacto incendiario que causou un conato de incendio no distrito forestal XVIII (Vigo-Baixo Miño) formado por unha cabicha provista dun sistema de ignición, papeis de xornais amoreados no punto de inicio de dous conatos rexistrados no distrito forestal XIX (Caldas-O Salnés) e unha pastilla de acendido noutro conato do distrito III (Santiago-Meseta Interior).

 

Por iso, a Xunta apela á prudencia e á colaboración cidadá e lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, tamén está dispoñible o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

 

No que se refire ao lume iniciado en Vilariño de Conso, extinguido o pasado venres, o conselleiro lembrou que foi un deses incendios que se orixinou entre o 14 e o 15 de xullo durante un fenómeno meteorolóxico propio do Mediterráneo denominado sistema convectivo de mesoescala, por mor do cal se rexistraron máis de 6.000 raios en cuestión de catro horas. Tras días de intenso traballo para a súa extinción, boa parte deles refrescando a zona xa sen lapas para evitar reproducións, agora os esforzos centraranse na recuperación do solo e do potencial forestal da zona. Un traballo que xa arrancou estes días por parte de técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán no Courel e en Valdeorras, onde se están a avaliar as distintas posibilidades de rexeneración da vexetación, e que tamén se fará nesta contorna.

 

Nesa liña, José González aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo -das que xa hai 19 aprobadas- e os polígonos agroforestais -10 xa iniciados e cinco en fase de actuacións previas- para a posta en valor do terreo e a anticipacións aos incendios forestais. En total, máis de 5.000 hectáreas de terreo están sendo mobilizadas no primeiro ano de vixencia da norma - beneficiando case 7.000 propietarios dunhas 28.000 parcelas-, entre as que se atopan as máis de 30 hectáreas da aldea modelo do Seixo, na Gudiña, na comarca de Viana.

 

Pola mañá, en Oímbra


Á mañá, os conselleiros do Medio Rural e de Promoción do Emprego e Igualdade, así como o director xeral de Defensa do Monte, mantiveron un encontro cos alcaldes dos concellos de Oímbra, Verín, Vilardevós e Monterrei, para analizar os danos causados polos lumes forestais que o pasado mes de xullo entraron desde Portugal polas parroquias de Rabal, Videferre e San Cibrao, do primeiro dos municipios.  

 

Tras a extinción destes tres lumes -que afectaron un total de 3.389 hectáreas- os esforzos centraranse agora na recuperación do solo e do potencial produtivo da zona.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 02/08/2022