A Xunta apoia o festival Folk no Río, que se celebra na área recreativa do Chamoso, no Corgo, esta fin de semana

Lugo, 03 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia apoia o festival XVII Folk no Río, que se celebrará na área recreativa de Chamoso, no municipio do Corgo, esta fin de semana, con cinco actuacións durante o sábado e o domingo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa xunto co promotor, Eloi Caldeiro, e o alcalde do Corgo, Felipe Labrada.

 

Ros, a nova proposta do músico catalán Ricard Ros i Roig, abre a programación do festival o sábado ás 21.00 horas, unha actuación á que lle seguirá a do cántabro Manuel Luna e a do grupo galego Brath, que pechará o festival do sábado. O domingo, ás 13.30 horas, Folk no Río continuará da man da banda Korrontzi, de Euskadi, nunha xornada que rematará coa actuación do artista canario Miguel Alfonso, a partir das 17.30 horas.

 

Arias apuntou que “este tipo de festivais xogan un papel fundamental na dinamización cultural e turística dos concellos da provincia, en especial no marco deste dobre Ano Santo”. Nese sentido, salientou a aposta da Xunta por “descentralizar a programación e impulsar ou apoiar actividades que cheguen ao máximo número de localidades e á maior cantidade de xente posible”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/08/2022