O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o Mercado Galego da Creatividade, en Santiago de Compostela

A Xunta lanza a campaña ‘A artesanía di moito de ti’ para incrementar o número de tendas que comercializan os produtos dos mellores artesáns galegos

O Mercado Galego da Creatividade, promovido pola cooperativa Creativas Galegas, vende os produtos de 17 obradoiros galegos ao ser un dos 26 establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe a campaña A artesanía di moito de ti, que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pon en marcha para incrementar o número de tendas que comercializan os produtos dos mellores artesáns galegos.

 

Acompañado pola xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o vicepresidente económico visitou hoxe no casco vello de Santiago de Compostela o Mercado Galego da Creatividade, un dos 26 establecementos adheridos á marca Artesanía de Galicia promovido pola cooperativa Creativas Galegas.

 

Este espazo, que botou a andar no Nadal de 2020 como un punto de venda efémero, é actualmente un establecemento comercial permanente que vende os produtos de 17 obradoiros galegos co distintivo de Artesanía de Galicia. “Desenvolve un labor moi importante desde o punto de vista da comercialización e tamén á hora de establecer sinerxías e trasladar ao cliente o que é a experiencia, a trazabilidade dos produtos que os nosos artesáns e artesás desenvolven nos seus talleres”, dixo Conde.

 

O vicepresidente económico apuntou que o obxectivo é que a comercialización dos produtos de Artesanía de Galicia poida seguir crecendo. E esa vai ser unha das liñas da futura Lei de Artesanía de Galicia que a Xunta está a tramitar para deseñar un marco xurídico que se adapte á nova realidade do sector artesanal e impulse a súa importancia social, económica e patrimonial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/08/2022