Galicia é a primeira comunidade na que o parlamento autoriza o teito de gasto para 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe na Cámara galega o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano que ascende a 12.599 millóns de euros
 

Miguel Corgos cualificou este teito de gasto como responsable e elaborado a partir de previsións prudentes
 

Subliñou ademais, que Galicia recuperará a riqueza prepandemia no primeiro trimestre de 2023 e antes que a media de España
 

A Xunta comeza así a deseñar os orzamentos de 2023 que terán o obxectivo de apoiar ás familias e sectores máis vulnerables ante a inflación e garantir seguir prestando uns servizos públicos esenciais de calidade
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 3 de agosto Galicia converteuse hoxe na primeira comunidade na que o Parlamento autoriza o teito de gasto para 2023, logo de que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o presentase esta mañá na Cámara galega.

 

Durante a súa intervención, Miguel Corgos explicou que se trata dun teito de gasto responsable; elaborado a partir de previsións prudentes; con menos endebedamento e menos recursos extraordinarios; e con máis recursos propios e máis fondos europeos de recuperación.

 

Así, o teito de gasto non financeiro para o vindeiro exercicio ascende a 12.599 millóns de euros, un 8,2% por riba do orzamento do presente exercicio. Desta cantidade, 12.469 millóns de euros son ingresos non financeiros, 189 millóns proceden do obxectivo de déficit e 59 millóns de euros correspóndense con axustes negativos da contabilidade nacional. Ademais, deses 12.599 millóns de euros, 685 millóns correspóndense con recursos de carácter extraordinarios procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e os Fondos React-EU.

 

O conselleiro tamén subliñou que Galicia encadeará tres exercicios de crecemento para recuperar a riqueza prepandemia no primeiro trimestre de 2023, antes que a media de España, e que seguirá creando emprego ata situar a taxa de paro por debaixo do 10%.

 

Compromiso dos orzamentos de 2023

En canto ás contas de 2023, Miguel Corgos salientou que, con este paso o Goberno galego comeza a deseñar os orzamentos do vindeiro exercicio co compromiso de que sexan responsables, útiles e adaptados á actual conxuntura.

 

Neste sentido, explicou que os principais obxectivos para os orzamentos de 2023 serán as actuacións encamiñadas a apoiar ás familias, sectores e empresas máis vulnerables a unha inflación crecente; garantir os recursos precisos nos ámbitos sanitario, educativo e social para continuar prestando uns servizos públicos de calidade; impulsar a execución dos proxectos financiados cos fondos europeos Next Generation, de maneira especial os investimentos que aceleren a eficiencia e a transición enerxética; desenvolver con éxito o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 e afondar na modernización da Administración autonómica co desenvolvemento de sistemas e procedementos máis eficientes e sinxelos para acadar unha administración máis próxima e resolutiva.

 

Finalmente, o conselleiro subliñou que os orzamentos do vindeiro ano tamén consolidarán todas as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos e confirmou que a Xunta aprobará a cuarta rebaixa do IRPF en nove anos, neste caso no primeiro tramo da tarifa autonómica, para axudar ás rendas máis modestas.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/08/2022