Fernández-Tapias dá o primeiro pistoletazo de saída á 59º edición da regata Rías Baixas-Xacobeo

A delegada territorial da Xunta participou na presentación desta proba, na que dixo compartir coa flota o obxectivo de afianzar o liderado de Galicia no foco mundial da náutica e o turismo, promovendo este dobre Ano Santo e difundido os seus valores

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 3 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, foi a encargada hoxe de dar o primeiro pistoletazo de saída á 59º edición da regata Rías Baixas-Xacobeo, que se disputará do 10 ao 14 de agosto entre as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.

 

Nun acto celebrado no embarcadoiro do Real Club Náutico de Vigo, anfitrión da proba, e o gañador de ata seis Rías Baixas, o barco Aceites Abril de fondo, a representante autonómica destacou a longa tradición da que é unha das probas náuticas más emblemáticas da cidade. “A máis antiga por etapas de España, entre as de maior relevancia do país e na que compite a flota de cruceiros máis importante e populosa do noroeste peninsular”, abundou.

 

Durante a súa intervención, Fernández-Tapias referendou o compromiso da Xunta de afianzar o liderado de Galicia no foco mundial da náutica e o turismo e, a cambio, requiriu dos participantes “promover este dobre Ano Santo e difundir os seus valores nos distintos portos costeiros, para fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local, os peregrinos e os visitantes”.

 

Acompañada polo presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, e o presidente da Federación Galega de Vela (FGV), Manuel Villaverde, resaltou a combinación perfecta dun evento que “combina tradición e excelencia deportiva”.

 

“Dende a Xunta sabemos ben o importante que é protexer as tradicións, aquelas que nos unen por dentro e nos distinguen fóra, e esta regata Rías Baixas, de case sesenta anos, forma parte sen dúbida da nosa cultura e tradición deportiva”, anotou.

 

En definitiva, subliñou, “unha gran competición que reúne nas nosas augas ás mellores embarcacións do país e unha boa parte do mellor que ten Galicia na vela de cruceiro”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/08/2022