O delegado territorial da Xunta en Ourense desprazouse esta mañá a terras das Limia

Gabriel Alén subliña e agradece o traballo dos voluntarios europeos que participan no programa ‘XacobeAndo’

O delegado territorial deulle a benvida aos participantes e agradeceulle a súa vitalidade e gañas de axudar a mellorar o mundo

Catro voluntarios de Alcobendas, Lituania, Letonia, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais
 

Compartir
  • whatsapp

Ourense, 04 de agosto de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alen, saudou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Elvira Lama, aos catro voluntarios que están a participar no programa 'XacobeAndo’ da Xunta e que colaboran en accións de conservación e difusión das rutas de peregrinación a Santiago.

 

Estas tres mozas de Alcobendas, Lituania e Letonia e un mozo de Eslovaquia, con idades entre os 18 e os 30, forman parte dos 80 voluntarios de diferentes países de Europa que dende xullo e ata o mes de outubro están a chegar a Galicia para difundir o Camiño de Santiago.

 

O delegado territorial deulle a benvida aos participantes e agradeceulle a súa vitalidade e gañas de axudar a mellorar o mundo. Neste sentido, fixo fincapé no valor que ten o Camiño a nivel económico, para a localidades polas que transcorren as súas rutas; espiritual, por dotar aos seus peregrinos de enerxía e da máxima da paisaxe; e participativo, porque no seu coidado implícase a toda a comunidade.

 

Gabriel Alén explicou que durante a súa estadía, estes voluntarios realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo; Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

 

Xacobeando

 

Xacobeando é un proxecto aprobado pola Axencia Executiva do Programa Corpo Europeo de Solidariedade na quenda do 2021, presentado pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Trátase dunha convocatoria centralizada da Comisión Europea para Proxectos de Voluntariado en Equipo en Ámbitos de Alta Prioridade.

A necesidade da posta en marcha deste proxecto e esta actividade baséase no incremento constante de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago e a relevancia que este acontecemento adquiriu ao longo dos anos. Durante os anos 2021 e 2022 celébrase o Ano Santo Xacobeo, ao que acudirán millóns de peregrinos de todas as nacionalidades do mundo. Queremos aproveitar este acontecemento para realizar este proxecto de voluntariado en equipo que reforce o concepto de solidariedade xa presente no Camiño de Santiago, dar visibilidade ao CES (Corpo Europeo de Solidariedade) e aos proxectos de voluntariado europeos e difundir o programa entre os mozos das zonas por onde discorre o Camiño.

 

Ademais, é fundamental fomentar a perspectiva de sustentabilidade e inclusión na celebración deste evento, complementando o labor dos voluntarios e hospitaleiros. Con este proxecto podemos achegar un valor engadido europeo incluíndo actividades de concienciación ambiental, posta en valor do patrimonio cultural e natural, e acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

 

Estas actividades suporán, para os mozos e mozas participantes, unha experiencia intercultural de aprendizaxe moi útil para o seu desenvolvemento persoal e profesional, ao mesmo tempo que se lles dá a coñecer as oportunidades que este tipo de experiencias achegan na construción dunha Europa máis cohesionada e próxima.

 

As persoas voluntarias estarán en todo momento acompañadas e orientadas por profesionais e titores que dirixirán as súas actividades e acompañaranos no seu proceso de aprendizaxe.

 

Os bloques de actividades que realizarán as persoas voluntarias serán: Camiño Inclusivo: Acompañamento de grupos con necesidades especiais.(Cóntase cun protocolo elaborado por Cogami); Camiño sostible: Actividades de concienciación ambiental. (Cóntase cun protocolo elaborado por Ribeirán Proxectos Naturais); Camiño dixital: Creación de recursos dixitais sobre experiencias no Camiño. (Formación a cargo de Ingenyus); Camiño seguro: Accións de información e concienciación de medidas anti Covid; Corpo Europeo de Solidariedade no Camiño: actividades de difusión do CES e Camiño acolledor: Colaboración na acollida de peregrinos e axuda a hospitaleiros.(Colaboración con Turismo de Galicia).

 

En definitiva, as persoas voluntarias achegarán un valor engadido ao gran evento Xacobeo 2021/2022 realizando actividades de inclusión e concienciación, e poderán prestar apoio nas accións culturais asociadas ao Ano Santo que se realizarán durante todo o ano 2022 en Galicia. Así mesmo, esta acción axudará a promover entre a mocidade un necesario espírito de concordia, solidariedade e tolerancia cara aos demais, tres valores que representan ao propio Camiño.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2022