O deporte galego sobe o seu nivel co incremento de prazas de tecnificación do CGTD que chegará ás 105 no curso 2022/2023, o 65% do total

O total de atletas que acollerá o CGTD o vindeiro curso académico mantense en 160, reservando o 5% tanto no grupo de rendemento como de tecnificación para deportistas con discapacidade, e un 10% para situacións de urxencia

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de hoxe a Ordedo 26 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2022/2023, e se procede á súa convocatoria.

Coma nos anos anteriores, mantense o número total de prazas en 160 estando distribuídas da seguinte maneira: ata un máximo de 105 prazas -2 máis que no curso inmediatamente anterior, 2021/2022- para o grupo de tecnificación -87 residentes e 18 externos- que se distribuirán entre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato; así como 55 prazas para o grupo de rendemento -12 residentes (non podendo ser máis de 7 do mesmo sexo e como máximo 4 da mesma sección deportiva) e o resto externos ata completar as prazas ofertadas-.

Por outra banda, é importante destacar que en ambos grupos, tanto no grupo de tecnificación coma no de rendemento, resérvanse un 5% das prazas ofertadas para persoas con discapacidade (en caso de non seren ocupadas pasarían a ser ocupadas pola cota ordinaria), e outro 10% das prazas resérvanse por parte da Secretaría Xeral para o Deporte para seren ocupadas durante todo o curso académico en función de situacións de urxencia ou necesidade, cumprindo sempre os criterios de excelencia deportiva e nivel académico.

Cómpre destacar asemade que se contabilizan a maiores un total de 20 prazas destinadas aos compoñentes dos equipos nacionais de piragüismo, que desde o ano pasado preparan o camiño olímpico cara París 2024 en Galicia.

As prazas de tecnificación quedan finalmente repartidas da seguinte maneira segundo as modalidades deportivas: atletismo lanzamentos (4 prazas de residente), bádminton (7 prazas de residente), judo (8 prazas de residente), karate (3 prazas de residente), loita (7 prazas de residente), natación pura e augas abertas (6 prazas de residente), natación artística (5 prazas de residente), piragüismo slálom (4 prazas de residente), piragüismo AT (17 prazas de residente), remo (4 prazas de residente), taekwondo (8 prazas de residente), tríatlon (7 prazas de residente), vela (4 prazas de residente), ximnasia (3 prazas de residente)

CGTD

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. Sitúase no que antigamente eran as instalacións do Estadio da Xuventude e a residencia de estudantes Atlánticos da “boa vila” e hoxe é un moderno complexo no que se formaron, e séguense formando, os mellores deportistas e promesas de Galicia.

No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade. Neste mesmo ano inauguráronse os Núcleos de Adestramento Especializado (NADE) da Federación Galega de Surf en Nigrán, da Federación Galega de Hóckey en Ourense e da Federación Galega de Squash en Ames, que funcionan como outras instalacións de centros satélites do CGTD.

22 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos, dos cales os últimos Antía Jácome e Caetano Horta, pasaron polas instalacións do CGTD cunha colleita total de 11 medallas dende Sídney 2000. Pero non se queda só ahi, grandes atletas que cada ano participan en europeos e mundiais pasaron e seguen pasando por un centro que opta a seguir sendo por moitos anos máis un referente do deporte galego e nacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2022