Trenor e o alcalde de Boqueixón ultiman os detalles da nova parcelaria en Lamas, Loureda, Sergude e Vigo que reorganizará 10.450 parcelas

Esta reestruturación ten un ámbito de actuación de 1.961 hectáreas que son propiedade de case 1.195 veciños

Trenor sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo e beneficiar a veciñanza a as explotacións agrícolas e gandeiras do Concello

 

Compartir
  • whatsapp

Boqueixón (A Coruña),  4 de agosto de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, para ultimar os detalles da  da nova reestruturación parcelaria que se levará a cabo no Concello, e que foi aprobada polo Comité Técnico Asesor, que preside o propio delegado, no que, ademais, participan todos os órganos que puideran ter algunha alegación á realización da reestruturación que se propón.

 

O delegado da Xunta destacou que esta nova zona de concentración parcelaria que se aprobou para Boqueixón levarase a cabo na zona de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo, sobre unha superficie de 1.961 hectáreas. Afectará a 10.450 parcelas e a 1.195 propietarios.

 

Neste senso, Trenor sinalou que “a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio”.

Ademais, o representante do Goberno galego indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de  recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.

Provincia da Coruña

Trenor lembrou que, na provincia da Coruña, están previstas seis novas parcelarias que suporán a reorganización de case 7.000 hectáreas de superficie, distribuídas en máis de 40.600 parcelas propiedade de case 4.500 veciños. En concreto, e en función dos resultados dos estudos previos, decretaríanse nos concellos de Boqueixón (zona de Lamas, Loureda, Sergude, Vigo), Melide (zona de Baltar, Golán, Grobas), Padrón-Pontecesures (zona de Herbón), Santa Comba (zona de Freixeiro), Tordoia (zona de Castenda), Touro (zona de Fao-Novefontes). 

 

Así mesmo, cómpre matizar que a Consellería do Medio Rural está estudando outro cento de solicitudes para novas parcelarias, tendo en conta o peso do sector agropecuario da zona, se as explotacións mostran interese nesa reestruturación do territorio e a viabilidade do propio proceso en termos medioambientais, entre outras cuestións a ter en conta.

 

Doutra banda, a Xunta está traballando arreo para finalizar os 91 procesos de concentración parcelaria que están abertos a día de hoxe na nosa comunidade. Neste senso, cómpre destacar que en 55 deles, é dicir no 60%, os veciños xa están usando as novas parcelas resultantes. Para iso, o Goberno galego destina un orzamento de 12 millóns de euros en 2022, cifra que alcanza os 118 millóns de euros desde o ano 2009.

 

Balance zonas rematadas

Entre o ano 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 22 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de case 16.000 hectáreas, beneficiando a máis de 10.100 propietarios que recibiron arredor de 23.300 títulos de propiedade.

 

Así mesmo, ao longo deste ano a Xunta ten previsto dar por rematados outros seis procesos de reestruturación  e, concretamente, tres na provincia da Coruña

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2022