A Xunta impulsa a renovación de auditorios, bibliotecas, arquivos e equipamentos culturais de 47 concellos cun investimento de 500.000 €

No seu conxunto promóvense obras de reforma, ampliación, mellora de accesibilidade e adquisición de materiais técnicos en centros das catro provincias

Forma parte do traballo levado a cabo do Goberno autonómico a través de distintas iniciativas que facilitan e incentivan o acceso á cultura no rural
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 6  de agosto de 2022

Un total de 47 concellos benefícianse este ano da liña de axudas de preto de 500.000 euros convocada pola Xunta de Galicia para equipar e mellorar as instalacións e locais destinados a realizar actividades culturais.

 

No seu conxunto levaranse a cabo un total de 45 proxectos, xa que unha das iniciativas é dunha agrupación de municipios. O reparto por concellos é 16 na provincia da Coruña, 14 na de Lugo, nove na de Pontevedra e oito na de Ourense. Entre os beneficiarios deste ano, un total de 25 proxectos centraranse en melloras de locais, auditorios e casas da cultura, 19 trátase de iniciativas para bibliotecas de lectura e as restantes beneficiarias localízanse nun arquivo municipal e un pavillón.

 

No seu conxunto, as subvencións, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, permitirán reforzar os equipamentos culturais de Galicia con diferentes actuacións que inclúen ata dotar de equipamento e mobiliario, realizar obras de reforma, ampliar, modernizar ou mellorar os inmobles ou adquirir materiais técnicos. Tamén se inclúen actuacións para actuar sobre a accesibilidade, a iluminación, o son e equipamento de novas tecnoloxías. A listaxe completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

 

Investimento global de 4,6 M€

Estas axudas alíñanse cos obxectivos doutras seis convocatorias xestionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para contribuír á modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais de Galicia e para facilitar o acceso á cultura nos ámbitos rurais cun investimento conxunto de 4,6 millóns de euros.

En concreto, súmanse ás axudas de 200.000 euros para a mellora centros museísticos cunha vintena de beneficiarios e aos 145.000 euros para a posta a punto de 27 arquivos que foron beneficiarios na última convocatoria.  Ademais, vense de aprobar unha nova liña de axudas extraordinarias de 1,3 millóns de euros para axudar ás empresas e autónomos no seu equipamento que se suma aos 1,2 millóns de euros que a Xunta adxudicou o pasado mes de maio para a mellora de 46 teatros, auditorios e salas de toda a Comunidade, 26 deles privados e 20 de titularidade pública.

 

Con cargo a este mesmo programa, a Xunta tamén conta con subvencións a espazos privados de exhibición cinematográfica, con preto de 850.000 euros para cofinanciar proxectos relacionados coa innovación, o funcionamento dixitalizado e sustentable, a captación e fidelización de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/08/2022