Un total de 48 novos científicos posdoutorais incorpóranse a o sistema de investigación galego grazas ao apoio da Xunta

A Vicepresidencia primeira e a Consellería de Educación veñen de resolver as axudas de apoio á formación inicial, a través das cales se formalizan os contratos de 40 posdoutorais nas universidades galegas e oito noutros organismos públicos do sistema de I+D+i galego

O Goberno autonómico destina 7,4 M€ a esta acción, un 7,2 % máis de orzamento con respecto á ultima convocatoria deste tipo

Os beneficiarios perciben un salario base de 32.000 euros anuais durante os tres anos de contrato, cun incremento do 12 % respecto á convocatoria anterior

A isto engádense complementos de ata 2.000 euros segundo o lugar de destino

Estas axudas enmárcanse na aposta do Goberno galego por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte e especializado
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2022

Un total de 48 novos científicos incorpóranse ao sistema galego de investigación nas universidades galegas así como  a outros organismos e entidades de I+D+i por un período de tres anos, ata 2025, grazas ao apoio da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas á etapa de formación inicial posdoutoral.

 

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar dúas resolucións da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades polas que se resolve a contratación de 40 investigadores posdoutorais por parte das tres universidades públicas galegas a razón de 22 na Universidade de Santiago de Compostela, 14 na de Vigo e catro na da Coruña; así como de oito investigadores contratados para entidades e organismos de I+D+i. Neste caso, tres deles incorpóranse á Fundación Profesor Novoa Santos, dous á Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, un ao Instituto de ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, un ao instituto de Investigacións Mariñas (tamén do CSIC) e outro á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

 

O Goberno galego destina a modalidade de apoio a etapa de formación posdoutoral un orzamento total de 7,4 M€, cunha suba do 7,2 % do orzamento con respecto á ultima convocatoria deste tipo.

 

Incremento de salario

Os beneficiarios acceden a un contrato de investigador de tres anos de duración e cun salario bruto anual de 32.000 €, o que supón un incremento do 12 % con respecto aos 28.600 € da anterior convocatoria.

 

Ademais do soldo base anual, por cada mes de estadía (o contrato ten unha parte flexible en Galicia e no estranxeiro), os beneficiarios reciben un complemento de 1.000 euros (Portugal ou Andorra), 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) e 2.000 euros se o destino da estadía está en Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía.

 

Así mesmo, as persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright reciben a maiores outra contía de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en Estados Unidos.

 

O Goberno galego implementa un ano máis o programa de formación posdoutoral que ten por obxectivo incorporar persoal investigador ao sistema de I+D+i galego, fomentar a adquisición e perfeccionamento das súas competencias, favorecer a mobilidade internacional e posibilitar a continuación da formación de doutores co establecemento dunha liña de investigación propia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/08/2022