A xunta destina este ano preto de 2,5 M€ a 60 proxectos de investimento en actividades non agrícolas

O DOG publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural sobre esta convocatoria, orientada á posta en marcha de actividades empresariais en aldeas modelo e á ampliación e modernización de empresas con maquinaria e equipamento

Desde 2016 destinouse un orzamento total de máis de 15 millóns de euros, que contribuíu a crear 337 novos postos de traballo e a consolidar outros 2.576 empregos

Estas axudas apostan polo reforzamento do tecido empresarial no medio rural, coa finalidade de xerar as condicións necesarias para crear e consolidar emprego e afianzar poboación
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas resolucións da Consellería do Medio Rural pola que se asignan 2.446.395,85 euros a 60 proxectos de investimento en actividades non agrícolas, entre os que se inclúen proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo.

 

Así, a maioría das empresas beneficiarias das axudas desenvolven a súa actividade empresarial no sector industrial de Galicia e empregarán a axuda para financiar maquinaria e equipamento para melloras tecnolóxicas e competitivas. Ademais, no marco desta convocatoria cómpre facer referencia expresa aos proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo. En particular, dous proxectos incardinados no sector turístico, que comportan a creación de novas prazas de aloxamento turístico nos concellos do Incio (na aldea modelo de Trascastro) e Folgoso do Courel (na aldea modelo de Moreda), así como outro proxecto consistente na instalación dunha empresa que opera no sector das artes gráficas no concello de Quiroga (aldea modelo de Bustelos de Fisteus).

 

Balance do período 2016-2023

Estas axudas apostan polo reforzamento do tecido empresarial no medio rural, coa finalidade de xerar as condicións necesarias para crear e consolidar emprego e afianzar poboación, con incidencia, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, nos proxectos que se desenvolvan nos núcleos das aldeas modelo.

 

Deste xeito, entre os anos 2016 e 2023 destinouse un orzamento total de 15.135.000 euros ao financiamento de axudas para investimentos en actividades non agrícolas no medio rural, o que contribuíu a crear 337 novos postos de traballo e a consolidar outros 2.576 empregos.

 

Puideron beneficiarse destas axudas tanto microempresas e pequenas empresas situadas en zonas rurais como persoas físicas que residan no rural, así como os titulares dunha explotación agraria -ou membros da súa unidade familiar- que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e desenvolvan os proxectos na propia explotación.

 

Entre os ámbitos de actividade subvencionables atópanse industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais, a transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos en calquera sector económico, a artesanía e actividades de ocio, recreativas, artesanais e deportivas, entre outros.

 

Enlaces ás resolucións no DOG:

 
 

Data de actualización: 05/08/2022