O conselleiro de Sanidade salienta o perfil profesional da nova xerente do Sergas e a considera a persoa idónea para profundizar nas reformas sanitarias xa en marcha

Do xerente saínte, o titular da carteira sanitaria destacou a súa templanza e prudencia á hora de afrontar os picos da pandemia da covid, e o seu liderado para concebir o Sergas como un hospital único, que compartiu os seus recursos para garantir a asistencia a toda a cidadanía

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022  “Hoxe formalizamos dous cambios nun equipo cohesionado e que funciona”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de toma de posesión de Estrella López-Pardo, como nova xerente do Servizo Galego de Saúde, no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico do seu departamento, Alberto Fuentes Losada, e polo xerente saínte, José Flores Arias, que pasa a ocupar o cargo de máximo responsable da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

 

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou o traballo de Estrella López-Pardo ao fronte da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, “da que sairon algúns dos proxectos máis importantes que a Consellería de Sanidade ten agora mesmo en marcha”, especialmente na atención primaria, como son a implantación das axendas de calidade nas categorías profesionais do primeiro nivel asistencial; a posta en marcha do sistema XIDE de xestión integral da demanda en equipo; ou o deseño dos primeiros plans locais de saúde, para dar maior autonomía de xestión aos equipos dos centros e traballar sobre obxectivos.

 

Diante dos retos que temos, -dixo o conselleiro-, “foi lóxico plantexar que fose Estrella López-Pardo quen pilotase agora a extensión, implantación, e profundización das liñas de reforma iniciadas”. Para Comesaña, os moi bos resultados que obtivo nunha dirección xeral recén creada, “son aval que me levou a contar con ela para o reto de dirixir o Sergas, sumado ao amplo coñecemento deste organismo”.

 

Do xerente saínte, Comesaña destacou “a súa templanza e prudencia á hora de afrontar os picos da pandemia da covid”, así como “o seu liderado para concebir o Sergas como un hospital único”, que compartiu os seus recursos para garantir a asistencia a toda a cidadanía galega que o necesitou. Agora, -dixo o conselleiro-, “tócalle dirixir a posta a punto e entrada en funcionamento dun novo e importante proxecto como é o Gran Montecelo”, ademais da ser a área que vai dirixir, a de Pontevedra-O Salnés, “a que está a sufrir con maior dureza a situación de déficit de médicos de familia en primaria”.

 

Cambios na organización e pulo a outras categorías profesionais

Tal e como remarcou Comesaña, “seguimos a precisar cambios na organización, xa iniciados, dando pulo a outras categorías profesionais”. Ao respecto, destacou o papel da enfermería e dos farmacéuticos, ou medidas como as axendas de calidade, a oitava área sanitaria, ou a convocatoria para a creación de 106 prazas de médicos de primaria.

 

Pola súa parte, a nova xerente agradeceu a confianza que o conselleiro deposita nela e remarcou o encargo que recibiu hai un ano para iniciar un proxecto de reforma da sanidade cara un novo modelo, “que está a permitir avanzar na transformación que demandan tanto profesionais como a sociedade”.

 

Segundo Estrella López-Pardo, iniciativas como os plans locais de saúde ou o sistema Xide posibilitan albiscar “que un novo modelo de organización é posible”.

 

Temos iniciado tamén, -sinalou-, “a primeira fase da Estratexia do sistema sanitario galego que permitirá camiñar cara á sanidade do futuro de forma acompasada en todos os ámbitos da saúde, e dispoñemos das bases do modelo de integración da atención sociosanitaria, que estamos a desenvolver coa Consellería de Política Social”.

 

Tamén destacou e recoñeceu os éxitos dos xerentes que a precederon no cargo.

 

Pola súa parte, José Flores Arias, agradeceu ao conselleiro a confianza que depositou en el todo este tempo para dirixir o Sergas, e destacou o reto que ten agora diante tan importante, como é dirixir a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 05/08/2022