O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, fixo hoxe un percorrido por esta feira de artesanía que se celebra por primeira vez en Portonovo

Conde ve en ‘Ofeitoaman’ unha oportunidade para impulsar desde Sanxenxo a comercialización da marca artesanía de Galicia

A feira está organizada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta e do Concello de Sanxenxo, onde recala por primeira vez para converterse nun dos grandes atractivos turísticos deste municipio na tempada estival

Compartir
  • whatsapp

Sanxenxo (Pontevedra), 6 de agosto de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a feira de artesanía Ofeitoaman é unha oportunidade para impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia desde un dos principais destinos turísticos na Comunidade, que é Sanxenxo (Pontevedra).

 

Ofeitoaman está organizada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta e do Concello de Sanxenxo, onde recala por primeira vez para converterse nun dos grandes atractivos turísticos deste municipio na tempada estival. Unha boa ocasión, dixo, para que o público poida valorar o esforzo que fai o sector por adaptarse ás novas tendencias.

 

Das 36 empresas que participan nesta feira en Portonovo, 21 son galegas e, delas, 19 son obradoiros rexistrados na marca Artesanía de Galicia. Ademais, están representados un total de 17 oficios. Nese sentido, o obxectivo é que resulte un éxito de vendas para os profesionais que participan, e un incentivo para que en próximas edicións se vaian sumando máis obradoiros coa marca Artesanía de Galicia, que teñen nesta feira unha moi boa plataforma de comercialización.

 

Conde apuntou que baixo este distintivo están rexistrados actualmente 789 obradoiros, un 83% máis que hai dez anos. E, ao respecto, amosouse convencido de que a futura Lei de Artesanía de Galicia que está a tramitar a Xunta permita dar resposta aos novos retos que afronta o sector, vinculados á profesionalización, o relevo xeracional e a innovación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/08/2022