A Xunta apoia o persoal investigador para optar ás axudas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación

As persoas interesadas en recibir o asesoramento que presta a Axencia Galega de Innovación, no marco do programa Oportunius, poderán solicitalo ata o 12 de agosto

Búscase así contribuír ao seu acceso aos apoios do Consello Europeo de Investigación (ERC), dotados con 1,5 millóns de euros, e potenciar deste xeito a captación e retención de talento excelente en Galicia
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ofrece un servizo de asistencia e formación ao persoal investigador para lograr as Starting Grant 2023, as axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) dotadas con 1,5 millóns de euros para financiar carreiras investigadoras, e que, adicionalmente, poden incluír un millón de euros máis para cubrir os custos de start-up, a compra de equipamento ou para realizar traballos de campo. A actual convocatoria das ERC Starting Grant está aberta ata o vindeiro 25 de outubro.

 

Neste sentido, a Axencia Galega de Innovación ten dispoñible un servizo de revisión e análise das propostas de persoal investigador que desexe optar á convocatoria europea. Trátase de formación e asesoramento personalizado para optimizar a elaboración das propostas, de cara a cumprir do mellor xeito os estándares de calidade das candidaturas. O persoal investigador interesado en recibir o servizo de asesoramento deberá enviar o seu currículum vitae e o cuestionario dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación ao enderezo oportunius.gain@xunta.gal. O prazo para achegar esta documentación está aberto ata o próximo venres, 12 de agosto.

 

Este soporte dirixido ao persoal investigador é unha das actividades do Oportunius, orientado a incrementar a participación de Galicia nos programas do Consello Europeo de Investigación (ERC).

 

Oportunius

O programa Oportunius creouse no ano 2014 para atraer e reter en Galicia talento investigador. É unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. No programa participan o Sistema Universitario Galego (SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as entidades de investigación galegas.

 

Nestes intres, con 32 iniciativas, Galicia é a quinta comunidade en número de proxectos ERC así como en volume de recursos captados, que ascende aos 47,4 millóns de euros. Por outra banda, 25 investigadores e investigadoras recoñecidos coas axudas ERC traballan en Galicia. Ademais, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ocupa a sexta posición na clasificación de universidades españolas en número de persoal investigador ERC.

 

O programa Oportunius tamén impulsa o emprego cualificado en Galicia. A proba son os 165 postos de traballo creados en 2021 polo persoal investigador titular de proxectos ERC; ademais este programa permite a captación de fondos doutras convocatorias nacionais e internacionais e contribúe á transferencia de coñecemento e á formación doutoral.

 

ERC Starting Grants 2023

Á convocatoria de axudas Starting Grant da Unión Europea pode acollerse o persoal investigador adscrito a calquera das institucións de Galicia. Para iso, debe estar ao inicio da súa carreira. Concretamente, os requisitos esixidos son ter entre 2 e 7 anos de experiencia desde a finalización do doutoramento e contar cunha excelente proposta de investigación en calquera ámbito temático. O orzamento total destinado ás ERC Starting Grant 2023 ascende a 628 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/08/2022