A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou hoxe a aprobación definitiva

A Xunta aproba o Plan Básico Municipal de Trabada, o primeiro concello galego que conta con esta ferramenta urbanística

A tramitación dos primeiros Plans Básicos Municipais enmárcase no esforzo da Xunta para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe

Compartir
  • whatsapp

Trabada (Lugo), 5 de agosto de 2022

A Xunta aprobou o Plan Básico Municipal (PBM) do Concello de Trabada, que se converte no primeiro municipio galego en contar con esta ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que participou no acto de sinatura da aprobación definitiva, sinalou que a tramitación dos primeiros Plans Básicos Municipais enmárcase no esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.

 

Ademais, Ángeles Vázquez incidiu en que a tramitación dos plans básicos municipais é moito máis áxil que a dos plans xerais de ordenación municipal. O prazo entre a aprobación inicial do PBM de Trabada –marzo 2021- e a definitiva -agosto2022- foi de menos de ano e medio, unha terceira parte do tempo necesario para levar a cabo un PXOM.

 

Neste caso concreto, este PBM clasifica como solo urbano consolidado os ámbitos de Trabada e Pedrido, e delimita 52 núcleos rurais -41 tradicionais, 1 común e 10 que combinan partes tradicionais e comúns-. Ademais, este plan non só recolle as dotacións existentes no termo municipal, senón que tamén identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do municipio. A maiores incluíronse aqueles recollidos en catálogos doutras figuras de planeamento, concretamente nun expediente de delimitación de núcleo rural, o da Fórnea.

 

Ángeles Vázquez insistiu en que se segue a avanzar na tramitación dos outros plans básicos municipais. Deste xeito, o PBM de Riotorto xa obtivo a o informe favorable da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, trámite previo á súa aprobación definitiva, prevista para o próximo mes de setembro.

 

Por outra banda, os concellos de Ribeira de Piquín, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río e O Páramo están pendentes de obter a totalidade dos informes favorables preceptivos para poder sometelo a informe da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

 

No caso de Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón estase rematando a redacción dos documentos de borrador e o documento ambiental estratéxico para poder iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada.

 

Finalmente, está previsto adxudicar en setembro o contrato de obtención cartográfica para os concellos de Antas de Ulla, Chandrexa de Queixa, San Amaro, Negueira de Muñiz, Pantón e Montederramo.

 

A conselleira concluíu lembrando que os plans básicos municipais veñen a completar todos os instrumentos normativos e medidas que a Xunta aprobou desde 2009 para acadar un urbanismo sostible e responsable, como as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a Estratexia da paisaxe galega ou o Plan básico autonómico; e as novas leis do solo e de ordenación do territorio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/08/2022