O embaixador da lingua galega en Xapón, Takekazu Asaka, presenta tres obras clásicas da nosa literatura en xaponés-galego co apoio da Xunta

Como lingüista, investigador e ensaísta apaixonado por Galicia elaborou a versión bilingüe en xaponés e galego de ‘A rosa de cen follas’ e ‘As Romaxes da Franqueira’, ambas de Ramón Cabanillas, e unha Introdución ás ‘Cantigas de Santa María’ de Afonso X
 

Ademais, produciu o CD musical ’A rosa de cen follas’ con catro cancións de Ramón Cabanillas e unha de Rosalía de Castro, interpretadas pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Takekazu Asaka, traductor do galego ao xaponés e embaixador da lingua en Xapón, presentaron hoxe tres das súas obras bilingües en xaponés-galego: a segunda edición de A rosa de cen follas. Brevario dun amor, en libro e en versión CD musical, e As Romaxes da Franqueira, ambas de Ramón Cabanillas, e unha Introdución ás Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio.

 

O representante da Xunta de Galicia manifestou a súa satisfacción por “esta gran proxección literaria da lingua e cultura galegas tan lonxe das nosas fronteiras” e o agradecemento a Takekazu Asaka “por facer apreciar e por en valor o galego ao redor do mundo”.

 

Nesta presentación, celebrada no Pazo de San Roque, acompañáronos o crítico literario Armando Requeixo, quen conduciu o acto, Francisco Fernández, profesor e académico da lingua galega, e Ramón Lorenzo, profesor e investigador do Instituto da Lingua Galega (ILG).

 

Takekazu (alcumado Takiño en Galicia) tráenos así varias das súas novas creacións que, xunto ao patrocinio da Xunta de Galicia, elaborou antes e durante o confinamento para unir e achegar a cultura galega á xaponesa. A segunda edición da tradución de A rosa de cen follas, a primeira en versión xaponesa e que conta cun limiar de Francisco Fernández Rei, foi toda unha tarefa para el debido “á lingua de Cabanillas de principios do século XX e os seus dialectalismos cambadeses, con complexas metáforas e polimorfismo”, explica Asaka. Esta trátase dunha edición aumentada, na que engade o seu descubrimento da rima derradeira.

 

O CD musical en homenaxe a esta obra conta con catro cancións de Ramón Cabanillas: Era un piniño o novo, Aureana do Sil, O Rei tiña unha filla, Corazón-Volvoreta e unha de Rosalía de Castro, Mayo Longo de Follas Novas. Todas elas interpretadas pola soprano Miho Haga e a pinaista Rika Nishikawa.

 

Para a redacción de As Romaxes da Franqueira, partiu da edición de 1927 para engadirlle un vocabulario galego-xaponés co léxico dos poemas de 300 entradas. Conta co prólogo, tamén, de Francisco Fernández Rei.

 

Introdución ás Cantigas de Santa María é unha escolma de sete representativas composicións deste cancioneiro mariano, sendo a primeira monografía que recolle cantigas marianas e as traslada ao xaponés. No limiar Ramón Lorenzo contextualiza a obra.

 

Numerosas traducións do galego ao xaponés

Takekazu Asaka é un lingüista nado en Toquio (Xapón, 1952) e desde 1988 exerce como docente de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Toquio.

 

En 1978 descobre a existencia da lingua galega a través das páxinas do seminario A Nosa Terra. A relación epistolar con figuras da cultura galega como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, xunto co coñecemento desta literatura, axudárono a indagar na personalidade sociocultural de Galicia. En 1985 dotorouse cunha tese de lingüística comparada onde o galego moderno foi un dos idiomas investigados.

 

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversación en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), o manual As linguas de España e Portugal (2005) ou a Nova gramática galega (2015), que xa vai pola súa segunda edición.

 

Especial relevancia ten o seu labor como tradutor de figuras singulares da literatura galega ao idioma xaponés, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares galegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013), a súa Xograr Martín Codax (2015) ou Vos Eidos (2017), de Novoneyra.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/08/2022