O director da Axencia Galega da Industria Forestal reuniuse coa Universidade de Vigo en Pontevedra para o seguimento do convenio de acústica subscrito entre ambas partes

A Xunta traballa na posta en valor da madeira para a mitigación acústica

Jacobo Aboal manifestou o interese de innovar e desenvolver novos produtos como as aplicacións da madeira para esta finalidade
 

A Axencia Galega da Industria Forestal colaborará coa Universidade de Vigo para o estudio da viabilidade e demostración das propiedades da madeira como elemento mitigador acústico con potencial emprego en obras de infraestruturas públicas
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta traballa na posta en valor do uso da madeira para a mitigación acústica mediante o convenio asinado pola Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural en colaboración coa Universidade de Vigo. A comisión de seguimento deste convenio plurianual reuniuse baixo a participación do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e a directora de Innovación da Axencia, Montserrat Rodríguez.

 

Neste contexto, o director da devandita Axencia salientou a necesidade de desenvolver novos usos e aplicacións da madeira que aporten maior valor engadido ao produto. Neste sentido apoiou a idoneidade do convenio asinado en decembro de 2021 no que a Axencia e a Universidade estableceron o marco de colaboración para levar a cabo unha investigación enfocada ó estudo das alternativas para o emprego de madeira nos elementos dedicados a illamento acústico en infraestruturas de transporte (estradas, ferrocarrís, etc.). A iniciativa inclúe a construción dun proxecto demostrativo no Campus de Pontevedra, coa integración de elementos vexetais de axardinamento.

 

Dito convenio enmarcase na acción “Impulso a novos produtos na industria forestal-madeira” recollida na Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira co obxectivo de mellorar a competitividade, o desenvolvemento e a diversificación do sector, segundo definiron as propias empresas durante o proceso participativo de elaboración da Axenda.

 

Jacobo Aboal insistiu na necesidade de impulsar xornadas divulgativas e cursos de formación orientados á transferencia dos resultados, actividades e obxectivos alcanzados co fin de permitir e achegar coñecemento a todo o sector forestal-madeira, formando a futuros profesionais especializados no eido da madeira como mitigador acústico, impulsando o uso deste material e consecuentemente o sector da madeira en Galicia e no resto de España.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 05/08/2022