Conde reivindica o traballo da fundación Eduardo Pondal no impulso ás vocacións científicas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a sede da Fundación no Couto (Ponteceso), onde coñeceu a unha das alumnas das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal que representará a España no Stockholm Junior Water Prize, coñecido como o Nobel Júnior da Auga

Tamén visitou as diferentes actividades relacionadas coa que realizan os máis de 260 estudantes que participan na Escola de Verán da institución
 

Compartir
  • whatsapp

Ponteceso (A Coruña), 5 agosto de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Ponteceso a sede da Fundación Eduardo Pondal, onde destacou o traballo desta entidade no impulso ás vocacións científicas nos máis novos.

 

Durante a visita, Esther Suárez, unha das alumnas das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal, que, xunto con Diego Castro, representará a España no Stockholm Junior Water Prize que se celebrará en Suecia a finais deste mes, presentoulle o proxecto co que van participar no coñecido como o Nobel Júnior da Auga. Nunca choveu que non escampara busca previr os efectos colaterais das inundacións. Aborda o deseño e construción dun dispositivo que permite controlar o nivel do río en diferentes puntos; e a partir das variacións e os datos recollidos créase un algoritmo que predí e anticipa unha crecida ou desbordamento da conca.

 

As Aulas Científicas Isidro Parga Pondal son unha iniciativa pioneira da Fundación Eduardo Pondal, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que busca introducir á mocidade na investigación e espertar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía.

 

Na sede da Fundación Eduardo Pondal, Francisco Conde tamén coñeceu as diferentes actividades que se realizan na Escola de Verán, na que participan máis de 260 estudantes e que celebra a súa 40ª edición con horto ecolóxico, contacontos, radio, saberes de mulleres, visitas e actividades científicas, entre outros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/08/2022