A Xunta prevé un investimento de case 965.000 € na dixitalización da promoción da saúde, cunha plataforma de contidos que conxugará xogos, unha aplicación e vídeos

O proxecto, financiado con fondos europeos e propios, divídese en catro fases, que van do 2022 ao 2024; segue a liña doutras iniciativas como Xanela Aberta á familia e axudará a executar varias accións do ‘Plan de Obesidade Zero en Galicia’

Desenvolverase un planificador de comidas de alimentos de temporada para a infancia e a mocidade ou un video guiado de adestramento físico persoal
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2022.- Co fin de dixitalizar a promoción da saúde e crear contidos que fomenten estilos de vida saudable, a Xunta vén de licitar esta semana o desenvolvemento e posta en marcha de diversos contidos web, experiencias de realidade mixta e a creación dunha aplicación. Estas ferramentas xirarán arredor dunha plataforma de xestión de contido común. O obxectivo de dita plataforma é promover, formar e informar sobre hábitos de vida saudable.

O presuposto base de licitación rolda os 965.000 euros. Esta contía componse de fondos FEDER REACT-UE e fondos propios. Segundo se especifica na resolución, os traballos divídense en 4 fases que van dende o 2022 ata o 2024. Entre as accións a desenvolver, contémplase a creación de contidos que favorezan a gamificación, tales como xogos, vídeos e outras ferramentas interactivas. En total, contémplanse 4 ámbitos: alimentación saudable, actividade física, benestar emocional e hixiene do sono e condutas aditivas.

Cada un destes ámbitos acolle diversas propostas. Por exemplo, dentro da alimentación saudable, proponse un planificador de comidas de alimentos galegos de temporada. Esta actividade diríxese a nenos e adolescentes. Xa no ámbito da actividade física, figura un vídeo guiado de adestramento persoal dirixido a nenos, adolescentes e maiores de 65 anos. O benestar emocional e a hixiene do sono é outro dos aspectos en que incide este proxecto. Neste senso, recóllese a proposta de sesións de ioga en liña con asistente virtual.

Ademais de promover a alimentación saudable, a actividade física, o benestar emocional e a hixiene do sono, tamén se incide en accións que axuden a previr as condutas aditivas, como por exemplo un vídeo didáctico orientado á súa prevención dentro da familia.

Deste xeito, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, segue a dar pasos en firme nunha das súas liñas estratéxicas: o fomento de estilos de vida saudables. Tras a posta en marcha de Xanela Aberta á familia ou a guía “O ABC do consello alimentario na infancia”, a Consellería de Sanidade presentou nos últimos meses o Plan de Obesidade Zero en Galicia. Un plan desenvolto coa participación dos distintos sectores sociais e que está a ser obxecto de tramitación parlamentaria para pechar un texto co máximo consenso posible. A través da conxugación do binomio educación e contorna, este documento identifica accións encamiñadas á alfabetización da saúde e á promoción de contornas saudables e seguras.

O seu desenvolvemento implicará o traballo conxunto das administracións, tanto autonómicas como locais; ademais do dos axentes sociais e empresariais, mediante a abordaxe da saúde en todas as políticas e coa saúde pública actuando como bisagra na coordinación dos distintos actores. O desenvolvemento deste Plan e as ferramentas dixitais dispoñibles a través deste novo contrato farán que Galicia estea á vangarda na prevención do exceso de peso e a obesidade en toda a poboación.

 

Recursos sobre hábitos saudables


Os contidos que se xerarán a través deste novo contrato uniranse a outros recursos que a Xunta puxo a disposición das familias galegas nos últimos anos. Así, desde o ano pasado, funcionaXanela Aberta á familia, un sitio web con información útil sobre a saúde materno infantil e xuvenil. Neste portal, tanto familias, como pediatras e docentes poden seguir e fomentar hábitos saudables, dende o embarazo ata a adolescencia.

Por outra banda, tamén en 2021 presentouse O ABC do consello alimentario na infancia , unha guía con recomendacións e pautas beneficiosas para a saúde. Trátase de dúas iniciativas que se desenvolven no marco do Proxecto Europeo Riscar, unha iniciativa de colaboración entre as administracións competentes de Portugal, Galicia, Castela e León, Estremadura e Andalucía; centrada na identificación das áreas de intervención destinadas a optimizar a saúde materna e infantil dende unha perspectiva de Saúde Pública.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 06/08/2022