O Parque Nacional das Illas Atlánticas e Meteogalicia amplían a súa colaboración para a observación e seguimento do medio natural

O arquipélago das Cíes conta desde inicios deste mes de agosto con tres novas cámaras de alta resolución

As imaxes destas cámaras son de libre acceso en Internet, a través da web de Meteogalicia

Actualmente tanto Cíes como Ons e Sálvora contan tamén cun sensor para a luminosidade media do ceo nocturno, que permite estudar a contaminación lumínica e como pode afectar á fauna e flora da zona
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2022 O arquipélago das Cíes conta desde inicios deste mes de agosto con tres novas cámaras de alta resolución para observar este grupo de illas en tempo real, froito da colaboración entre o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e Meteogalicia.

 

Dúas destas cámaras están situadas no Faro das Cíes (unha orientada ao norte e outra ao sur), e a terceira preto da praia de Rodas. As imaxes destas cámaras son de libre acceso en Internet, a través da web de Meteogalicia, no apartado Observación - Cámaras.

 

Para facilitar o seguimento marítimo e terrestre, e complementar os datos rexistrados polas súas estacións meteorolóxicas e as súas boias oceanográficas, Meteogalicia instalou cámaras web en tres dos arquipélagos do parque nacional. Ademais das Illas Cíes, hai cámaras en Ons e Sálvora, que permiten observar o estado do ceo e do océano, ademais de ofrecer unhas vistas espectaculares da entrada de néboas, a formación de tormentas ou postas de sol e a lúa.

 

Este sistema de cámaras, que proporciona unha imaxe cada dous minutos e tamén se realiza un vídeo do día actual e do día anterior, complementa o funcionamento de observación e seguimento da atmosfera e do océano despregado no parque nacional por Meteogalicia.

 

Existen estacións meteorolóxicas automáticas en Cíes, Ons e Sálvora, que, alimentadas por un panel solar e actualmente con comunicación 4G, rexistran datos cada dez minutos sobre vento, precipitación, temperatura, humidade relativa e radiación solar. Coa entrada en funcionamento destas estacións automáticas, ademais de ampliar as variables monitorizadas e a súa resolución temporal, facilitouse e axilizouse o acceso aos datos, que se poden descargar libremente. Estas estacións forman parte da rede de estacións meteorolóxicas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e contan coa certificación de calidade ISO 9001. Os técnicos de MeteoGalicia encárganse das tarefas de mantemento, en colaboración co persoal do parque que facilita o acceso a elas.

 

Actualmente tanto Cíes como Ons e Sálvora contan tamén cun sensor para a luminosidade media do ceo nocturno, que permite estudar a contaminación lumínica e como pode afectar á fauna e flora da zona. Estas medidas, entre outras, fixeron posible que en 2017 o parque fose certificado como destino Starlight, que recoñece a inmellorable situación para a observación do ceo nocturno.

 

Por último, e tamén froito desta colaboración, as illas do parque nacional contan cunha rede oceánica-meteorolóxica enmarcada dentro do observatorio transfronteirizo da RAIA, que aglutina un gran número de entidades de Galicia e Portugal con actividade relevante en oceanografía operacional. Existen plataformas e boias de observación en Cortegada, Cíes e preto de Sálvora, que rexistran datos meteorolóxicos, como temperatura, humidade e vento, e tamén datos oceanográficos, como temperatura da auga, salinidade e correntes. Os datos gárdanse cada dez minutos e tamén están dispoñibles publicamente para descarga.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/08/2022