A nova web da Fundación Galicia Europa explica a participación de Galicia nos asuntos comunitarios

A oficina de Galicia en Bruxelas presenta un novo portal máis intuitivo e visual que tamén aborda as políticas europeas desde un punto de vista galego

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022 A Fundación Galicia Europa (FGE) vén de renovar a súa páxina web co obxectivo de ofrecer unha mellor información sobre as políticas europeas e a participación de Galicia nos asuntos comunitarios.

 

Froito dos seus máis de 30 anos de experiencia na capital comunitaria, a Fundación Galicia Europa pretende explicar a través desta nova web a actividade da UE dende un punto de vista galego, especialmente as novas iniciativas lexislativas e políticas que propón a Comisión Europea e que poden ter nun futuro un maior impacto na comunidade autónoma. Este coñecemento das propostas europeas é esencial para que os distintos axentes galegos se impliquen na defensa dos seus intereses perante a UE.

A web da FGE tamén dá a coñecer as diferentes canles utilizadas para a defensa dos intereses de Galicia na UE: dende a participación no Comité Europeo das Rexións ou o Consello ata as visitas institucionais, pasando pola participación en redes de cooperación rexional ou en foros de ámbito europeo. Así, o novo portal conta cun apartado de actualidade no que se recollen noticias sobre a Unión Europea, Galicia na UE, as actividades da FGE e EuroXuventude, a canle dirixida á xente nova galega.

 

Ademais aparecen seccións novas como Análise FGE, un apartado con informes sobre os temas máis importantes a debate na UE dende unha perspectiva galega, ou Axenda, que compila os actos pasados e futuros sobre a participación galega nos asuntos comunitarios así como os grandes eventos de ámbito europeo.

 

Outra nova sección recolle todos os boletíns mensuais da FGE, que fan unha escolma das novas, eventos, consultas públicas e convocatorias de financiamento máis relevantes dende o punto de vista galego. A web continúa cunha sección específica sobre as posibilidades de financiamento comunitario, na que se pode consultar a nova Guía 2021-2027 que dá unha visión xeral das distintas fontes dispoñibles así como recomendacións sobre como acceder a elas.

 

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

 

Data de actualización: 08/08/2022