O presidente da Xunta visitou o campamento xuvenil Marina Española, en Bergondo (A Coruña)

Rueda sinala que o Goberno galego impulsa este ano a maior campaña de verán da súa historia para fomentar a conciliación das familias

Destaca que a Galicia é a comunidade que “máis prazas oferta de toda España” con 10.800 prazas nesta campaña, “o que supón 2.000 máis que o ano pasado”
 

Pon en valor a oferta por toda a comunidade de campamentos de estío, campos de voluntariado, os minicampamentos ‘Coñece Galicia’, os programas de intercambio bilateral e as estancias en instalacións xuvenís
 

Subliña outras medidas a prol da conciliación do Executivo autonómico, como a gratuidade das escolas infantís, ás que se lle engaden as 95 Casas Niño no rural, o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida
 

Compartir
  • whatsapp

Bergondo (A Coruña), 8 de agosto de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Goberno galego impulsa este ano a maior campaña de verán da súa historia para fomentar a conciliación das familias. Así, salientou que é a comunidade que “máis prazas oferta de toda España”, en referencia as 10.800 prazas dispoñibles e das que destacou “que supoñen 2.000 máis que en 2021”.

 

Rueda puxo en valor esta oferta de prazas tras percorrer as instalacións e coñecer de primeira man as actividades do campamento xuvenil Marina España en Bergondo (A Coruña), no que participan ao longo de todo o verán 600 mozos e mozas, de entre 9 e 11 anos.

 

Ademais dos campamentos de verán como o de Bergondo, o presidente do Executivo galego apuntou os campos de voluntario que están en marcha e que procuran fomentar o coidado e a conservación de distintas zonas da nosa xeografía; os minicampamentos ‘Coñece Galicia’ que se levan a cabo en 13 establecementos da comunidade: os programas de intercambio bilateral con outras CC.AA; e as estancias en instalacións xuvenís organizadas por diferentes entidades.

 

Rueda considerou importante esta oferta de propostas non só para que a mocidade goce e tire proveito de actividades ao aire libre do verán, senón tamén para que as familias teñan a oportunidade de conciliar a súa vida persoal e laboral durante as vacacións escolares.

 
 
Recurso de conciliación que merecen a pena

O presidente da Xunta erixiu estes campamentos de verán como un recurso de conciliación que “merecen a pena” para centos de familias que teñen que facer axustes durante xullo e agosto e avanzou que este tipo de iniciativas son o “camiño que se debe seguir” neste eido.

 

Outras medidas de conciliación

Ademais destas iniciativas, Rueda tamén precisou outras postas en marcha a favor da conciliación, e referiuse en concreto á gratuidade da escolas infantís, que a partir do vindeiro curso académico, que beneficiará a 30.000 familias; ou a posta en marcha de 95 Casas Niño no rural galego.

A maiores, a Xunta de Galicia tamén ten posto en marcha o Bono Coidado, que axuda a máis de un milleiro de familias a contratar un servizo extraordinario de conciliación ante calquera enfermidade ou eventualidade familiar; ou a Tarxeta Benvida, que ofrece unha axuda directa aos pais ao nacer o cativo, de entre 1.200 e 3.000 euros, con 78.000 beneficiarios desde a súa posta en marcha.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/08/2022