Os dez padexeiros galegos desprazados a Canadá acadan o mellor resultado da historia nun Mundial de Piragüismo Sprint

A práctica totalidade dos padexeiros galegos que acadaron resultados adestran en Verducido


Galicia está presente no 50% de todas as medallas que conseguiu a delegación espa-ñola
 

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022 Os dez deportistas galegos de alto nivel (DGAN) desprazados ás augas do lago Banook en Halifax (Canadá) veñen de acadar o mellor resultado histórico de Galicia nun Mundial de Piragüismo de Sprint.

En total os padexeiros galegos sumaron catro medallas -tres campionatos do mundo e un subcampionato-, catro cuartos postos e tres posicións de finalistas máis.

Carlos Arévalo e Rodrigo Germade acadaron a medalla de ouro no K4 500. O padexeiro de Betanzos repetiu este domingo acadando outro ouro no K1 200. O C4 500 masculino, con tres galegos -Pablo Graña, Manuel Fontán e Adrián Sieiro- tamén se proclamou campión do mundo. Pola súa banda, Teresa Portela e Sara Ouzande, conseguiron a medalla de prata en K2 200.

Teresa Portela e Sara Ouzande, acompañadas doutra galega, Carolina Otero, lograron o cuarto posto en K4 500 feminino. A mesma sorte correu Adrián Mosquera, en Paracanoe, na modalidade VL3 200. Noel Domínguez e Diego Domínguez fixeron o propio no C2 1.000.

A estes éxitos tamén hai que sumarlles tres postos de finalistas máis: Pedro Vázquez en K2 1.000, Manuel Fontán en C1 200 e Pablo Crespo en C1 1.000.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou a súa ledicia por este impresionante resultado que amosa o grande potencial galego nos deportes náuticos en xeral e no piragüismo en particular. Do mesmo xeito, sinalou o excelente traballo que se está a facer na tecnificación, xa que o 85% destes padexeiros adestran no Campo de Regatas de Verducido.

O mandatario galego destacou o capital papel de Galicia no piragüismo nacional, xa que o 50% de medallas do mundial teñen acento galego, un dato que referenda que algúns dos equipos nacionais de canoa e kayak estean adestrando tamén en Verducido e certifica as grandes esperanzas galegas cara París 2024.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/08/2022