A Xunta destaca a traxectoria dos servizos educativos da ONCE, que axudan aos mozos con discapacidade visual a me-llorar na adquisición de habilidades

Trátase da terceira quenda do verán deste programa, na que participan rapaces cegos e con discapacidade visual de entre 15 e 17 anos procedentes de todo España, Italia e Portugal
 

Os cursos, que se celebran no Centro de Recursos Educativos (CRE) da organización en Pontevedra, inclúen clases diarias de inglés e diversas actividades de carácter lúdico e cultural
 

Pontevedra, 9 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a consolidada traxectoria dos servizos educativos da ONCE, que axudan aos mozos con discapacidade visual de Galicia a mellorar a adquisición de habilidades. Esta mañá visitou aos participantes nos cursos de inglés organizados pola entidade, que chegan este ano á súa XXII edición e se celebran no Centro de Recursos Educativos (CRE) que ten en Pontevedra.

 

Durante a visita, Arturo Parrado puxo en valor a coordinación e a colaboración que a Xunta de Galicia mantén coa entidade. Neste sentido, a ONCE atende a máis de 300 estudantes cegos nos seus centros educativos ordinarios durante o curso. A organización pon á disposición do alumnado equipos especializados e outros servizos coordinados.

 

Estes cursos de inglés acollen no Centro de Recursos Educativos de Pontevedra a un total de 60 rapaces usuarios da entidade. En concreto, nesta terceira e última quenda do verán, que se celebra ata este domingo, participan rapaces de entre 15 e 17 anos. Son un total de 15 mozos españois e cinco, tamén con discapacidade visual, procedentes de Italia e Portugal.

 

Todos eles reciben un total de 60 horas de clases de inglés dos niveis B1 e B2, a seis horas por día, e gozan no tempo libre de actividades lúdicas e culturais en lingua inglesa que lles permiten coñecer a nosa comunidade. Todo o programa é completamente gratuíto para as súas familias.

 

O director xeral subliñou a importancia destes campamentos para proporcionar alternativas de lecer adaptadas ás persoas cegas. Especialmente neste caso no que, sinalou, a aprendizaxe de algo tan importante para o seu futuro como as linguas estranxeiras, o que achega un claro valor engadido á iniciativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2022