A Xunta dota de instalacións solares fotovoltaicas ao CEE O Pino e ao CEE Miño de Ourense

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de licitar as obras por un investimento total de 208.000 euros en 13 centros de toda Galicia
 

O delegado territorial explicou que estas obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos
 

Ourense, 09 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, desprazouse esta mañá ao CEE Miño de Ourense para anunciarlle ao equipo docente o inicio de licitación das obras para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas deste centro educativo e do CEE O Pino na provincia de Ourense, e que forman parte dos 12 centros de Educación Especial e un Colexio Público Integrado, aos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de licitar por un investimento total de 208.000 euros.

 

O delegado territorial salientou que esta actuación culmina o proceso de mellora enerxética iniciada en 2020 coas obras de rehabilitación integral do centro nas que a Xunta investiu máis de 775.000 euros. Estes traballos establecían unha parte dirixida á mellora da eficiencia enerxética e outra na que se realizaron tarefas de diferente tipoloxía dirixidas á mellora da funcionalidade e estado das instalacións

 

Gabriel Alén explicou que estas obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos con espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental. De feito, do total de 191M€ de orzamento do Plan, o 40,5% (77,5M€) están destinados a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética.

 

Este paquete de obras que agora se licitan engádense a outras accións con este mesmo fin como as reformas enerxéticas e rehabilitacións integrais en colexios e institutos das catro provincias e a instalación de centrais térmicas de biomasa.

 

Respecto ao noso medio ambiente

Con estas actuacións -cofinanciadas con fondos Feder dentro do marco operativo Galicia 2014-2020- lograrase aumentar a proporción no consumo final de enerxía das fontes renovables para produción de electricidade, incluídas as redes de transporte e distribución necesarias para a súa integración no sistema eléctrico.
 

Así pois, avánzase no impulso á renovación das instalacións públicas a través da redución do impacto medioambiental acadando un sistema de calefacción máis eficiente desde o punto de vista enerxético ao tempo que se promove unha cultura de respecto ao medio entre o alumnado, todo ilo encamiñado cara unha Galicia máis verde.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2022