A Xunta impulsa o labor de 16 entidades socioasanitarias coa entrega de 12 locais do Espazo Amizar

O vicepresidente segundo formalizou hoxe a cesión das dependencias da antiga sede de Sanidade na Coruña reservadas ao tecido asociativo
 

O Goberno galego dálle así resposta ás necesidades de espazo dos distintos colectivos ao tempo que garante a prestación dos servizos á cidadanía nas mellores condicións
 

A Coruña, 9 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, formalizou hoxe a entrega de 12 locais do Espazo Amizar a 16 entidades con sede na Coruña que traballan no eido sanitario.

 

Os colectivos que se instalarán no terceiro andar do edificio son Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (Feafes), Asociación de Colaboración y Promoción del Sordo (Acopros), Fundación Abrente, Club Deportivo Inclusivo Enki, Asociación Acción Solidaria Galicia (Asdegal), Liga Reumatolóxica Galega Loita contra o Reumatismo (Ligal) e Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Demencias Fines da Coruña (Anfaco).

 

Xunto a elas estarán Asociación Parkinson Galicia-Coruña, Fundación Salma, ONGD Valos, Asociación Galega de Lupus, Fundación Ingada, Asociación Juvenil Atlántica, Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela), Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) e Círculo de Mediación de Galicia (Cimega). 

 

Segundo salientou o vicepresidente segundo, a posta a disposición dos locais ao servizo das entidades sociosanitarias enmárcase no compromiso da Xunta co labor que desenvolve cada unha delas e, en xeral, co tecido asociativo da Coruña. O Goberno galego quere con esta medida darlles resposta ás necesidades de espazo que viñan rexistrando os colectivos e facilitarlles así un maior crecemento e impulso aos seus proxectos.

 

Investimento de cinco millóns de euros

Con arredor de 6.000 metros cadrados, o edificio da Xunta bautizado como Espazo Amizar naceu da reforma da antiga sede de Sanidade na cidade coruñesa. As obras supuxeron un investimento de sete millóns de euros para acoller, entre outras, as dependencias da Consellería de Política Social e Xuventude e da de Promoción do Emprego e Igualdade, nas que traballan preto de 300 persoas.

 

Tal e como sinalou Diego Calvo, a vontade de servizo público coa que rexorden as instalacións levou o Goberno galego a reservar doce locais para entidades do eido sociosanitario. A adxudicación produciuse a través dun concurso público. A iniciativa busca tamén garantir a prestación dos servizos nas mellores condicións, tanto para o persoal como para a cidadanía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/08/2022